Reclama a intervención de Rueda en primeira persoa, malia que “marchou máis rápido que o presidente da Deputación de Ourense”, porque “ninguén os recoñece como interlocutores”
O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamoulle hoxe á conselleira do Mar que “volvamos á casiña de saída”, antes de que entraran “como elefante en cacharrería” provocando o conflito da recollida da mexilla. Torrado presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para reclamarlle á conselleira que dean marcha atrás para “intentar facer as cousas mellor do que vostede as fixo”.
O responsable socialista apelou á intervención do presidente da Xunta en persoa logo de constatar que “ninguén os recoñece xa como interlocutores” para resolver o conflito, pero advertiu que “marchou máis rápido que o presidente da Deputación de Ourense”. Aludiu así á información coñecida hoxe de que Baltar fora interceptado en Zamora cando circulaba a 215 quilómetros por hora mentres conducía un vehículo oficial do ente provincial.
Emprazou á participación do presidente da Xunta en primeira persoa, a quen “haberá que preguntarlle” para que se poña á fronte do conflito debido á “inflexibilidade” amosada pola conselleira do Mar, que “non quere escoitar a ninguén” e mesmo “cesou a cargos do seu departamento que avogaban por falar e escoitar”.
60 anos de convivencia
Torrado dixo que logo de 60 anos de convivencia entre percebeiros e bateeiros, a Consellería “provocou un conflito” co que “desfrutan” iniciando un “baile inasumible adiante e atrás”, abrindo e pechando zonas, tomando resolucións que despois din que non son legais.
Dixo que neste momento “todos están enfrontados á Consellería”, que actúa “como o pero dos árbitros” e se ten situado nunha posición que no xadrez se denomina zugzwang, cando alguén “ten que tomar unha decisión, pero polos seus erros tódalas opcións son malas”. Por iso reclamou volver ao punto de partida e iniciar un “consenso real, que ninguén teña a sensación de que lle están impoñendo”.
Advertiu que a postura da Consellería, que “só fala nunha dirección”, está a poñer “en risco” a calidade tanto do percebe como do mexillón, e reclamou datos científicos reais e actualizados para definir a caída da produción do percebe, xeneralizada “onde se recolle mexilla e onde non”. Advertiu que resulta “inasumible” que a conselleira basee a súa xestión en “informes de hai 12, 19 ou 25 anos”.