reivindica a distribución de fondos públicos con criterios obxectivos e transparentes, un novo Pacto Local e recursos suficientes para xestionar as competencias trasladadas dende a Xunta aos concellos
A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, dixo hoxe que a Xunta actúa como “unha administración sectaria que favorece a dedo aos concellos do PP”. A responsable socialista presentou unha interpelación no Pleno do Parlamento para reclamar a distribución de fondos públicos con criterios obxectivos e transparencia na xestión.
A responsable socialista afeoulle ao conselleiro de Presidencia o reparto discrecional de fondos públicos “que son de todos os galegos e todas as galegas”, beneficiando a concellos gobernados polo PP “en 8 de cada 10 casos”. Esixiulle que “deixe de castigar aos veciños e ás veciñas que viven en concellos gobernados por partidos distintos do PP”, mentres deixan ao resto no “raquitismo orzamentario”.
Rodríguez Rumbo reclamou a regulación do financiamento local por Lei, que desbloquee o Fondo de Cooperación Local -FCL-, que logo do incremento de 24 millóns de euros durante o goberno do socialista Pérez Touriño pasou a unha etapa de 13 anos “conxelado” nos 112,9 millóns de euros durante os gobernos de Feijóo e Rueda. Dixo que os convenios deben limitarse a “unha porcentaxe mínima” e reclamou transferir os recursos ao FCL a maior parte dos recursos.
Novo Pacto Local
Pediu o desenvolvemento na súa totalidade do Pacto Local de 2006, mentres elaboran e acordan un novo documento, garantindo ademais “os recursos necesarios e suficientes” para que os concellos poidan afrontar as competencias que lles delega a administración autonómica. Tamén pediu a supresión da burocratización nas axudas recorrentes e que abran á participación da Fegamp para elaborar a normativa local e deseñar os criterios das subvencións.
A responsable socialista esixiulle ao goberno galego que deixe de “castigar aos veciños e ás veciñas que viven en concellos gobernados por partidos distintos do PP”, e criticou que actúen “como unha empresa privada”. Lembrou a obriga de responder dos requirimentos de documentación do Parlamento, logo de afearlle que entregaran o estudo da USC sobre o reparto de competencias logo de que tivera lugar o debate no Parlamento para “entorpecer o debate”.