O portavoz do Grupo Socialista advirte que Rueda “perdeulle o pulso á sanidade galega, que é perderlle o pulso ao país”
Tilda de “esperpéntico” que o delegado da Xunta en Lugo, a xefa territorial de Medio Rural e a candidata do PP de Lugo participaran na protesta dos gandeiros contra as políticas do goberno galego
O portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Luis Álvarez, valorou positivamente o acordo da Xunta cos médicos para poñer fin á folga da semana pasada, pero advertiu que “non vai resolver os gravísimos problemas que lastran á sanidade pública”. Álvarez advertiu que a protesta puxo de manifesto a “deriva perigosa” de Sanidade co seu titular á fronte, da que tamén responsabilizou ao presidente da Xunta.
Explicou que Rueda “perdeulle o pulso á sanidade galega, que é a principal competencia da Xunta, o que supón que lle perderon o pulso ao pais”. Esta folga de médicos, dixo, “puxo de manifesto que o sistema sanitario ten problemas de fondo que o goberno galego non quere nin afrontar”, xa que “non resolveron as listas de espera en Atención Primaria, nin incrementan o persoal, non hai máis pediatras, nin psicólogos, nin matronas”.
Con este acordo parcial, dixo, “nin tan sequera van mellorar os servizos cos medios dos que dispoñen, e tampouco resolve os problemas de organización do Sergas nin o progresivo baleirado dos hospitais comarcais” que provocan a perda de servizos para a poboación do interior. Por iso trasladou o apoio dos socialistas galegos ás mobilizacións convocadas para este mércores pola plataforma SOS Sanidade Pública.
O responsable socialista advertiu que este acordo evidencia ademais “que hai preocupación e disensións dentro do goberno galego”, logo de que o vicepresidente segundo e conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, advertira esta fin de semana nunha entrevista dun posible “efecto chamada” logo do acordo cos médicos.
Esperpento
Esta diverxencia, dixo, coincide coa manifestación de gandeiros do pasado martes en Lugo, á que non dubidaron en apuntarse o delegado provincial da Xunta, a xefa territorial de Medio Rural e a propia candidata do PP e vicepresidenta do Parlamento para protestar “contra as políticas da Xunta e fronte ao edificio da Xunta de Lugo”. Cualificou de “esperpéntico” que os propios delegados territoriais e xefes territoriais da Xunta protesten contra as políticas da Xunta.
Sinalou o que evidencia de “quebra” nun goberno e nun partido, o PP, que “se gaba de ser monolítico”, provocando unha situación que “leva a supoñer que Alfonso Rueda vive momentos grises dentro da súa presidencia”. Preguntou “cantos gobernos hai dentro a Xunta, cantas sensibilidades”.
Explicou que a protesta dirixíase contra a falla de axudas por parte da Xunta para afrontar os danos provocados pola fauna silvestre, logo de que o goberno galego se descolgara dun acordo a nivel nacional que provocou a perda de 4 millóns de euros procedentes do Ministerio para danos provocados polo lobo. Aludiu a este acordo do que participaron tódalas comunidades autónomas agás Madrid, que asinou demasiado tarde, e Galicia, que directamente non quixo asinar.