O secretario xeral do PSdeG recrimina á Xunta que aínda non se creara o Observatorio pola Igualdade no Sector Pesqueiro, reclamado polas traballadoras do mar e aprobado por unanimidade no Parlamento hai máis de un ano
Valora positivamente o acordo dos sindicatos médicos coa Xunta, pero advirte que terán que aportar solución para “o gran problema dos galegos”, as listas de agarda na atención primaria
22 de abril de 2023. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, exalzou a loita pola igualdade de Rosa Gómez Limia, primeira deputada de esquerdas na cámara galega, e de Mulleres Salgadas, a asociación de mulleres máis grande no sector do mar en Galicia.
No acto celebrado este sábado no Ensanche de Santiago de Compostela, o líder do PSdeG, xunto coa secretaria de igualdade da dirección galega, Silvia Fraga, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, remarcou que o compromiso do seu partido na loita polos dereitos das mulleres.
Tivo unhas palabras para destacar a ámbalas dúas premiadas. Puxo en valor que a exdeputada socialista Rosa Gómez Limia “abriu unha brecha na igualdade na política para que a muller teña a representatividade que ten que ter”. Militante dende 1979 e parlamentaria dende o 1988, reclamou constantemente a incorporación da muller na vida política, sendo un exemplo para moitas compañeiras que a seguirían.
OBSERVATORIO POLA IGUALDADE NO SECTOR PESQUEIRO
Por outra banda, Formoso reivindicou o traballo da asociación Mulleres Salgadas pola igualdade de dereitos no mundo do mar, sendo a súa presidenta, Loli Gómez quen recibiu o premio.
Destacou que este colectivo ten loitar nun sector estratéxico onde “a muller é moitas veces maltratada e escóndese o seu papel relevante”. Expuxo o clarificante dato de que das 63 confrarías galegas, só hai 3 patroas maiores. Neste ámbito considera que hai moito por facer, recoñecer máis dereitos na liña do que fixo o PSOE coa aprobación da Lei de Pesca Sostible que “recoñece os mesmos dereitos á hora de xubilarse” a estas mulleres que a os homes.
O mandatario do PSdeG recriminou ao goberno do PP que non crease o Observatorio pola Igualdade no Sector Pesqueiro, que demanda Mulleres Salgadas e cuxa constitución foi aprobada por unanimidade no Parlamento hai máis dun ano, a iniciativa do grupo socialista.
A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, resaltou que este proxecto está “nun caixón” por parte do executivo galego, o que demostra a falla de implicación do PP co feminismo. No relativo ás premiadas, incidiu na referencia que marcan para todas as mulleres galegas, pola súa loita para reivindicar a posición que lles corresponde nun mundo de homes. Concluíu sinalando que “é hora de pasar da igualdade formal, á igualdade real e efectiva”.
FALTAN SOLUCIÓNS PARA ATENCIÓN PRIMARIA
No relativo ao acordo anunciado entre o CESM e a Consellería de Sanidade, Formoso dixo que dende o PSdeG valoran “positivamente calquera acordo que asinen os representantes maioritarios dos traballadores e traballadoras” do sector. Pero apuntou que dende a Xunta terán que indicar que “tipo de solucións e recursos” para acabar coas listas de agarda “nunca vistas” en atención primaria, pero tamén nas consultas cos especialistas.
Ademais, remarcou que o Estado deu 1.500 millóns de euros máis para a administración autonómica, dos cales só se aplican 40 millóns máis á atención primaria que o ano anterior. Esa é a “gran incerteza” e o “gran problema por resolver” para a sociedade galega, que se lles atenda “a tempo e debidamente”.