Acusa á Xunta de “provocar o conflito” mentres Rueda “demostra que non ten nin personalidade, nin capacidade nin mando”
O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou á Xunta de “provocar o conflito” entre bateeiros e percebeiros polo peche de zonas para a extracción da mexilla. Así o dixo logo de que o PP anunciara o seu voto en contra dunha proposta socialista para “volver á casiña de saída” e recuperar a convivencia que os dous sectores tiveron durante 60 anos de convivencia.
Criticou o papel da Consellería do Mar “alimentando o conflito” e agora “vai á deriva” mentres o presidente da Xunta “demostrou que non ten nin personalidade, nin capacidade nin mando” para resolver unha situación na que se demostrou “escapista de profesión”. Responsabilizou ao goberno galego do “caos” que “provoca tensións” entre bateeiros, percebeiros, confrarías, a Consellería e a propia policía, mentres “ninguén acepta xa á Consellería como interlocutor”.
O responsable socialista presentou unha proposición non de Lei para volver ao diálogo que o goberno galego quebrou deliberadamente co Decreto 153/19 co que pecharon “unilateralmente e en base a informes de hai 20 anos” as zonas de extracción de mexilla que os bateeiros compartían coas zonas de traballo dos percebeiros. Reclamou que tomen decisións en base a informes actualizados e obxectivos elaborados por persoal investigador e técnico da propia Consellería.
Sinalou que tanto o PP como o goberno galego “prefiren provocar o conflito que buscar unha solución” de consenso e diálogo, provocando “descontrol, inseguridade, tensión e unha situación límite” que só leva a “perdas na produción” para dous sectores bandeira de Galicia. Reclamou “parar, recoñecer os erros, volver atrás e facelo ben”, e “se é necesario revisar aínda que sexa toda a costa, vendo as zonas unha por unha se fai falta” para tomar decisións correctas.
Lembrou a deriva do goberno galego, primeiro co peche das zonas de extracción, despois anunciando unha apertura que non decidiron ata que abriron as praias, despois os portos, para a continuación anunciar máis aperturas e dar marcha atrás polas queixas recibidas. Sinalou que “acabaron abrindo algunhas zonas, pero tiveron reclamacións e modificaron as decisións á semana seguinte”.
Julio Torrado afeoulles que “é probable que a día de hoxe nin sequera o PP saiba o que prometeu ni o que non, que zonas están abertas e cales non”, mentres a Consellería vai “á deriva absolutamente”.
PP de Arousa
O responsable socialista afeou ao PP de Arousa que faga “electoralismo” intentando reivindicar a volta atrás do procedemento e que, “cando hoxe se vota isto, pretenda pasar de perfil”. Pediulle aos parlamentarios do PP que “voten e digan o que pensan” e non se agochen, e engadiu que “se cadra é porque en Arousa a xente no PP está máis preocupada de buscar un cargo de concelleiros que en buscar unha solución ao problema. E iso pasa aos que están, e tamén aos que queren estar”.