Critica a negativa a detallar o destino dos ingresos recibidos polo goberno galego para a xestión da pandemia da covid dende 2020 ata a actualidade
A portavoz do Grupo Socialista na Comisión para as Relacións co Consello de Contas, Begoña Rodríguez Rumbo, criticou hoxe a “falla de transparencia” amosada polo goberno galego, negándose sistematicamente a cumprir coas recomendacións presentadas polo ente fiscalizador. Así o dixo no debate agrupado das recomendacións ao Plan de Traballo de 2023 e dos informes de fiscalización contidos na Memoria do Consello de Contas correspondente a 2021, que tivo lugar hoxe no Parlamento.
A responsable socialista denunciou o “desprezo” amosado polo goberno galego cara ao traballo do ente fiscalizador e ao papel dos propios parlamentarios autonómicos, que cada ano teñen que reiterar practicamente as mesmas propostas polo incumprimento reiterado por parte do goberno galego. Os socialistas presentaron desta volta 65 recomendacións ao plan de traballo e outras 37 propostas de resolución á Memoria de 2021.
O PP tan só admitiu dúas recomendacións e outras catro resolucións, unha delas transaccionada, para pedirlle a Contas que fiscalice o uso dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero por parte da Xunta. Tamén lle reclamou á Xunta que integre no sector público ás fundacións de investigación con conexión aos centros sanitarios públicos, que presente un informe sobre o grao de execución das conclusións e recomendacións presentadas por Contas ou para reducir o grao de temporalidade na administración autonómica.
Rodríguez Rumbo criticou que o PP e o goberno galego teñan rexeitado o groso das propostas presentadas hoxe polo Grupo Socialista para reclamar máis transparencia sobre a xestión da administración autonómica, así como máis control orzamentario das contas do goberno galego. O PP rexeitou pedirlle a Contas que fiscalice o sistema de financiamento das entidaes locais, ou que informe sobre o destino de tódolos ingresos recibidos do Estado para a xestión da pandemia da covid dende 2020 ata a actualidade.
Recomendación presentada polo Grupo Socialista ao Plan de traballo de 2023 aprobada hoxe:
– Recomendación nº 33.
O Parlamento de Galicia recomenda ao Consello de Contas presentar un informe de fiscalización sobre o destino dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero recibidos pola Comunidade Autónoma no período de 2018 a 2022.
– Recomendación nº 55.
O Parlamento de Galicia recomenda ao Consello de Contas que proceda á execución íntegra do seu orzamento, especialmente no relativo á dotación de equipos humanos e materiais para a realización en prazo dos informes de fiscalización previstos nos respectivos plans de traballo do Consello de Contas.
Violencia de xénero
Propostas de Resolución presentadas polo Grupo Socialista ao informe de fiscalización da conta xeral de 2020 que foron aprobadas hoxe:
– Resolución nº 16
O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a integrar a todos os efectos as fundacións de investigación con conexións aos centros sanitarios públicos, no sector público autonómico, sometendo polo tanto as súas contas á rendición do Consello de Contas de Galicia
– Resolución nº 22
O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a presentar no prazo máximo de 5 meses un informe á Cámara galega no que dea conta pormenorizada do grao de execución ou cumprimento en relación ás conclusións e recomendacións realizadas polo Consello de Contas de Galicia e recollidas no documento “Diagnóstico dos sistemas de control interno e estratexia de prevención de riscos da corrupción na Administración xeral”.
– Resolución nº 24 transaccionada
O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a poñer en marchade forma inmediata o rexistro de entidades do sector público previsto no art. 52 da LOFAXGA.
– Resolución nº 33
O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a reducir o grao de temporalidade no emprego público, especialmente no ámbito sanitario, tal e como ten constatado o Consello de Contas. O obxectivo de temporalidade no emprego público está a nivel nacional no 8 por cento. En Galicia a temporalidade afecta a máis do 25 por cento dos profesionais, sendo maior no persoal laboral (próximo ao 50 por cento) e afectando especialmente a colectivos como o de enfermaría.