O secretario xeral do PSdeG sinala o balance do primeiro ano de Rueda no goberno amosouse “claramente ineficaz, insensible e inútil” para a cidadanía galega
Repróchalle ao líder dos populares que se dedique a facer “seguidismo” das políticas doutros barón do PP e que desaproveitara a oportunidade do orzamento máis elevado na historia da Xunta para resolver o colapso da sanidade
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, pediulle hoxe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que “releve das súas funcións” á conselleira do Mar, Rosa Quintana, e que asuma “en primeira persoa” o papel de interlocución entre os bateeiros e os percebeiros para acadar un acordo do que dependen case 3.000 empregos directos e ata 10.000 inducidos no conxunto da cadea mar-industria.
Formoso compareceu en rolda de prensa en Santiago para facer balance do primeiro ano de Rueda como sucesor de Núñez Feijóo para dirixir a Xunta de Galicia. Subliñou que o seu goberno mostrouse “claramente ineficaz, insensible e inútil para a poboación galega”, pois antes das dificultades derivadas da guerra de Ucraína e da crise de prezos non se tomou “ningunha medida” por parte da Administración galega, máis aló das rebaixa selectiva en dúas autoestradas autonómicas.
Fronte a iso, contrapuxo o “catálogo de medidas” promovido dende o goberno do Estado, que van dende liñas de avais a empresas ata a rebaixa das cargas tributarias na factura da luz, pasando polas bonificacións dos combustibles ou a implantación da gratuidade na mobilidade ferroviaria na media distancia. “É un goberno insensible ante a conxuntura e ineficaz”, dixo Formoso sobre o executivo de Rueda.
Referiuse de forma concreta ao conflito derivado pola extracción de semente de mexillón, que este mesmo xoves provocou unha manifestación dos bateeiros ante a sede da Xunta en San Caetano. O número un do PSdeG advertiu que o sector mexilloeiro e os percebeiros “levaban sesenta anos convivindo sen problemas” e sinalou que foi a regulación levada a cabo pola propia Conselleira do Mar no ano 2019 a que acabou “xerando un problema”.
É por iso que Formoso lle esixiu a Rueda que “releve das súas funcións á conselleira do Mar” e que “asuma en primeira persoa” a negociación cos percebeiros e bateeiros. Remarcou o líder do PSdeG que hai moito en xogo neste asunto, pois son dos subsectores dos que dependen 3.000 postos de traballo directos e máis de 10.000 inducidos. “Se algunha marca é galega é a do mexillón”, salientou, antes de insistir en que o presidente da Xunta debe poñerse á fronte da situación “hoxe mesmo”, e non seguir facendo “desleixo de funcións”.
Inacción
A mesma inacción constatouna Formoso noutros ámbitos que dependen tamén das competencias da Xunta, e nos que o goberno de Rueda prefire acudir á “confrontación do Estado” ou a facer “seguidismo” das políticas que toman os baróns doutras comunidades do PP, como o caso de Díaz Ayuso ou Moreno Bonilla, que foron os que ditaron a Rueda que había que baixar o imposto de patrimonio ás grandes fortunas e que había que presentar un recurso de inconstitucionalidade contra o goberno de España por pedirlle maior esforzo fiscal a quen máis ten.
Algo parecido ocorre coa sanidade, que está nunha “situación de colapso absoluto” debido á inacción do goberno galego. De feito, Formoso reprochoulle a Rueda que desaproveitara a man tendida do PSdeG para tomar medidas “que permitan un revulsivo” no Servizo Galego de Saúde, que lle devolvan a motivación aos profesionais sanitarios coas melloras laborais, o reforzo das contratacións o aumento dos investimentos. Son receitas, abondou, que os socialistas puxeron sobre a mesa, “e se nos dixo que non, a calada por resposta”, afeou Formoso.
Lembrou, asemade, que entre as decisión deste ano de Rueda á fronte da Xunta se anote a “oportunidade perdida” que tivo co orzamento máis expansivo da historia autonómica, debido a que o Estado incrementou en 1.500 millóns de euros a súa transferencia á comunidade. Puido aproveitar eses recursos adicionais, apuntou Formoso, para “igualar o investimento na atención primaria” coa media do Estado, pero “Rueda decidiu non acometer iso, e estámolo pagar con listas de agarda, xa coa folga de médicos en moitos hospitais”, dixo, e tamén con “manifestacións permanentes nos centros de saúde” de case toda Galicia.