Leticia Gallego lamenta que o goberno de Rueda sexa “incapaz de reter ao noso talento” mentres o PP “impide apostar pola ciencia, polos investigadores e o futuro de Galicia”
A portavoz de Innovación do Grupo Socialista, Leticia Gallego, reclamoulle hoxe á Xunta que aprobe con urxencia un Plan de retención de talento que permita frear a fuga de cerebros de Galicia. Gallego presentou unha proposición non de Lei neste sentido no Pleno do Parlamento que foi rexeitada polo PP, que “impide apostar pola ciencia, polos investigadores e polo futuro de Galicia” mentres o goberno de Rueda “é incapaz de reter o noso talento”.
A responsable socialista subliñou que “a Xunta de Galicia ten que elaborar urxentemente un Plan para a retención de todas esas persoas que marchan a traballar fora da nosa terra”, xa que “de seguir sen tomar ningunha medida, o problema demográfico será irreversible”. Explicou que Galicia é “unha das autonomías máis afectadas” pola marcha de mozos e mozas altamente cualificados.
Explica que un total de 8.257 traballadores e traballadoras galegas con titulación universitaria marcharon en 2022, entre os que se atopaban 6.575 técnicos e profesionais científicos e intelectuais. Esta Comunidade Autónoma perde cada ano un 5 por cento do total de contratos realizados a traballadores cualificadas, que marchan a Madrid ou a Cataluña, onde se firman respectivamente o 35 e o 15 por cento dos contratos de alta cualificación desprazados.
Criticou a falla de compromiso do goberno galego coa ciencia e a investigación en Galicia”, como demostra a baixa execución no Programa do Plan galego de I+D+i, xa que a Xunta deixou sen executar máis da metade do orzamento previsto para 2022, ata o 53 por cento que quedou nas arcas do goberno galego. Cualificou de “vergoñento” que o Orzamento previsto de 197 millóns de euros fora reducido ata os 139.
Reclamoulle á Xunta que “tome medidas urxentes para a retención de talento científico”, e propuxo a redución de cargas administrativas, afianzar a carreira profesional de científicos mozos e mozas e verdadeiras axudas para a contratación de persoal investigador no sector privado.
Gallego propuxo un incremento do 0,4 por cento nos programas de I+D+i de forma que Galicia, que só adica un 1,1 por cento do PIB a estas partidas, poida acadar a media estatal e aproximarse paulatinamente ao obxectivo europeo do 3 por cento. Alertou de que “sen a ciencia, sen os investigadores, sen os universitarios e sen o talento, Galicia será un país sen futuro”.
Gallego apuntou que o goberno galego “debe consolidar unha carreira pública estable e previsible para o persoal técnico e investigador equivalente á dos países máis avanzados” aumentando os recursos e garantindo o cambio xeracional e a retención dos mellores currículums. Dixo que o “deber” do goberno galego é “apostar pola ciencia, polos nosos investigadores e investigadoras, os nosos universitarios, apostar polo noso talento que é moito, non deixen que marche”.