Nicolás González Casares advirte que as críticas do líder do PP contra a propia Comisión Europea estanlle “a pasar factura” á política da Xunta de Galicia
O eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares lamentou hoxe a cancelación do encontro do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, coa presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen. González Casares sinala que a decisión foi comunicada logo do encontro de Von der Leyen co presidente do PP, Núñez Feijóo, e da súa “actitude crítica” coa propia Comisión Europea.
O eurodeputado galego sinala que “non é de recibo” que o líder do PP viaxe a Bruxelas a criticar o acordo para a reforma das pensións pactado polo goberno de España cos axentes sociais e que obtivo a autorización expresa da Comisión Europea. Sinala que a viaxe a Bruxelas “para criticar a España” deriva dunha liña que “cabe a posibilidade de que lle estea pasando factura á política da Xunta de Galicia” na UE.
Así o demostra a cancelación deste encontro, que “queremos crer que é por problemas de axenda”, en contra das especulacións e opinións que circulan nas institucións comunitarias.
Lamentou esta “oportunidade perdida” e que o presidente da Xunta “non lle poida transmitir” á presidenta da Comisión Europea as “necesidades e inquedanzas” de Galicia, “algo que si puido facer previamente cos comisarios europeos o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso”.
Advertiu da escasa presenza do goberno galego en Bruxelas, que “necesita dun traballo serio e continuado” nas institucións europeas, incluíndo a presenza do presidente da Xunta en primeira persoa “de cando en vez”.
Emprazou ao presidente galego a “traballar nunha estratexia para entrar en Bruxelas, xa que polo de agora o resultado é moi negativo”, e ofreceu “toda a colaboración para que Galicia gañe espazo” neste sentido, “todo o contrario do que fai o PP”.
Esta presenza resulta “moi importante” polas decisións que se están a tomar nas institucións comunitarias e que afectan directamente a Galicia, o que non provocou que o presidente da Xunta “nin quixera nin tivera oportunidade de facer esta viaxe” preocupándose polos galegos e as galegas.