A viceportavoz do grupo socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, logrou este mércores a aprobación da súa proposición non de lei para que a Xunta inicie de forma inmediata a posta en marcha do polo de emprendemento de I+D en enerxías renovables e almacenamento previsto para Ferrol, ao que se comprometeu Feijóo durante o seu mandato na Xunta.
Begoña Rodríguez Rumbo instou á Xunta a que inicie inmediatamente a posta en marcha deste novo Centro en Ferrol, que precisa unha comarca que leva “demasiado tempo padecendo tempos difíciles” e que chegou o “momento de reactivala da man da transición enerxética” que impulsa o goberno de España. Así mesmo, acusou directamente ao PP de facer un “uso electoralista” da localización final deste polo.
Defendeu que a importancia estratéxica desta instalación vai da man do proxecto de instalación de plataforma de eólica mariña anunciado polo goberno central que significa unha oportunidade para a dinamización industrial e a creación de emprego de calidade na comarca.
Isto é debido a que dende a chegada de Rueda á Xunta puxeron en dúbida a localización final desta infraestrutura, sendo o último paso que preocupa á corporación municipal ferrolá as declaracións de Francisco Conde, vicepresidente do goberno galego e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, onde aseguraba que aínda estaban estudando “como se estrutura o polo dende o punto de vista da súa ubicación”.
Na mesma liña, a socialista reprochou a José Manuel Rey Varela, candidato do PP en Ferrol e o parlamentario do grupo popular que replicou a súa iniciativa que acudira ao pleno a “facer campaña” e que non aproveitase durante estes anos para que o seu goberno levara o proxecto adiante.
Explicou o percorrido histórico desta infraestrutura que naceu no 2019 cando o Foro Enerxético de Galicia prantexou a conveniencia da Creación dun Centro Tecnolóxico que investigase sobre enerxías mariñas e eólica offshore, con participación de empresas privadas e todas as administracións públicas.
A deputada expuxo os múltiples motivos polos que este Foro Enerxético concluíu que Ferrol era o lugar máis axeitado para o seu asentamento. Entre as razóns encóntranse a existencia dun Centro de Investigación e Servizos da cabana, a ampla liña de costa que acortaría os desprazamentos para a reprodución das condicións reais do mar, unha infraestrutura de investigación moi consolidada, a proximidade do Porto Exterior de Punta Langosteira ou a potente infraestrutura de empresas auxiliares e servizos de enxeñaría.
A maiores, Rodríguez Rumbo sinalou que están a falar dunha comarca que perdeu un total de 12.691 habitantes dende o 2009 e que precisa de iniciativas deste tipo que “suporía un incremento importante no emprego de calidade e na fixación de emprego na comarca”.
Ademais remarcou que disporán de investimento do programa de Transición Xusta de España, aprobado pola Comisión Europea e que dará a Galicia 111 millóns de euros xestionados nun 96% polas administracións autonómicas.
Agradeceu persoalmente o traballo a favor desta instalación e a asistencia no hemiciclo do alcalde da localidade, Ángel Mato, que acudiu en representación do seu concello que aprobou por unanimidade no pleno unha declaración institucional en defensa da instalación deste polo en Ferrol.
49967 PNP polo I+D enerxias renovables ferrol 15_02_23 BEGOÑA