O portavoz do Grupo Socialista sitúa a Rueda “illado” nunha “realidade paralela” mentres centos de milleiros de galegos e galegas padecen o deterioro dos servizos públicos
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, acusou hoxe ao presidente da Xunta de “abandonar” os servizos públicos para abrir camiño a unha privatización “máis cara, menos eficiente e na que non caibamos todos”. O responsable socialista centrou a sesión de control ao presidente da Xunta na situación precaria da sanidade, a educación, a dependencia e a vivenda pública logo de 14 anos de gobernos do PP.
Álvarez acusou a Rueda de manterse “nunha realidade paralela” e “illado” da realidade das galegas e dos galegos condenados á “desigualdade e á inequidade” que provoca a privatización de servizos públicos. Reclamoulle que “saia das catro paredes de San Caetano” e “vaia facer cola a un Centro de Saúde, leve aos fillos dende a aldea ao IES porque non teñen bus, póñase á espera dunha vivenda pública cando non pode pagar o alugueiro e agarde pola Dependencia”.
Subliñou así as consecuencias do “abandono” dos servizos públicos por parte do goberno do PP, cunha sanidade que subsiste logo dunha década de recortes e precarización dos profesionais por parte do PP e que foi contestada polo “clamor social” da manifestación do pasado 12 de febreiro.
O responsable socialista Criticou que “minten cando falan de oferta formativa” acusando ao goberno cando teñen renunciado a formar 180 profesionais de atención primaria, logo de que o goberno de Rajoy impuxera unha taxa de reposición de 1 de cada 10, que Sánchez “multiplicou por 12”.
Explicou que hoxe hai 817 profesores menos no ensino público e 317 máis no privado, 46.000 alumnos sen libros de texto gratuítos e centos de familias con problemas de transporte escolar. Advertiu que deixaron sen executar máis de 400 millóns de euros en políticas de vivenda, cando Galicia é a autonomía que menos vivenda crea para 16.000 persoas inscritas no rexistro de demandantes.
En materia de Dependencia, Galicia está no posto 12 en orzamento dedicado a servizos sociais e a décima en gasto por habitante, ademais de ter o maior déficit de prazas en residencias, con máis de 14.000 maiores agardando “como replicantes” do protagonista da novela de García Márquez El Coronel no tiene quien le escriba. Sinalou que o tempo de espera é “enorme” mentres as prazas creadas na privada -5.562- quintuplican ás públicas -1.250- entre 2009 e 2020.
Urxiu ao presidente da Xunta que “vaia coñecer o día a día de centos de milleiros de galegos e de galegas que non obteñen do seu goberno a resposta que necesitan”, e que demandan “que corrixan as brechas que evidencian estas inxustizas” e que só pretenden preparar o terreo para a privatización dos servizos públicos.
Advertiu que a iniciativa privada que defende o PP busca a rendibilidade económica e deixa fora á poboación máis apartada, que “non deberan ter menos dereitos, pero o certo é que teñen menos oportunidades”. Citou lugares “como Negueira de Muñiz, Teixeira, Beade, Larouco ou Chandrexa de Queixa, que non teñen ningunha resposta privada”.