O líder do PSdeG sinala a “saturación e a sobrecarga de traballo” dos profesionais como consecuencia do desmantelamento do sistema sanitario público
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, denunciou hoxe en Lugo o “grave deterioro” da atención primaria e considera que é un “bo motivo” para mobilizarse en favor da sanidade pública o vindeiro domingo na capital galega.
Valentín González Formoso acudiu ao Centro de Saúde de Fingoi en Lugo para analizar as necesidade en materia sanitaria do mesmo e de todo o municipio. Acompañado da alcaldesa, Lara Méndez e o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé denunciou as dificultades diarias que sofre o persoal sanitario por falta de medios na atención primaria.
A visita a este centro de saúde non é casual ao ser “unha referencia” o ser o primeiro que ofreceu a atención primaria en Lugo e que na actualidade marca unha “triste referencia” polo colapso que sofre con ata 200 pacientes ao día por médico e entre dúas e tres horas de agarda. Ademais, reclamou un reforzo dos medios para desenvolver a atención domiciliaria, en especial para as persoas maiores.
Formoso cre que esta situación que afecta á provincia e ao municipio lucense, pero que se estende por toda Galicia é “un bo motivo para mobilizarse en favor da sanidade pública” este domingo en Santiago de Compostela na manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública.
O líder dos socialistas galegos pide que a cidadanía galega este domingo “lance un grito de basta xa” para non permitir que prosiga “o desmantelamento do sistema sanitario público en favor do sistema privado” que está a levar a cabo o PP ao fronte da Xunta.