Begoña Rodríguez Rumbo reclámalle “transparencia” á Xunta e que explique o reparto do Fondo de Compensación Ambiental
A Comisión de Economía do Parlamento aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de Lei presentada polo PSdeG para reclamarlle á Xunta que detalle os ingresos recibidos polo canon eólico e que explique en que proxectos investiu o Fondo de Compensación Ambiental creado en 2010. A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, presentou esta iniciativa para reclamarlle “transparencia” á Xunta.
Rodríguez Rumbo explicou que o Fondo de Compensación Ambiental foi constituído en 2010 para financiar a conservación, reposición e restauración do ambiente e o reequilibro territorial para os concellos galegos afectados pola instalación de parques eólicos. Este Fondo nútrese de ingresos obtidos a través do canon eólico, que reverteron en máis de 2.300 proxectos, segundo dixo o propio presidente da Xunta, que sen embargo nunca detallou a cales se referían.
A responsable socialista presentou esta iniciativa logo de que a Xunta se negara a responder ás peticións de documentación formais enviadas dende o Parlamento de Galicia, e que hoxe foi aprobada. Reclamoulle á Xunta “tódolos datos” dos ingresos aportados ao canon por cada un dos parques eólicos, “ou cando menos por termo municipal”.
Pacto eólico
Rodríguez Rumbo ratificou hoxe o compromiso dos socialistas galegos cun desenvolvemento eólico de Galicia con “total transparencia, na plena integración social e a compatibilidade medioambiental”. Lembrou que os socialistas galegos teñen impulsado o Pacto por unha enerxía eólica sostible, asinado o pasado mes de abril cos sindicatos UXT, CC.OO. e Unións Agrarias, así como Fademur e Ventonoso.
Sinalou que “non cremos nin queremos” que os proxectos eólicos se instalen “en calquera lugar nin de calquera maneira”, senón que o fagan co condicionante de que dispoñan de retorno dos investimentos cara á cidadanía e aos concellos onde se instalen.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia para que elabore un documento no que se relacione por anos as contías que ten recibido a Xunta de Galicia dende 2010 de cada un dos parques eólicos instalados na nosa comunidade, así como o destino da totalidade dos fondos recibidos”.