Denuncia que o Sergas queira empregar aos MIR de cuarto ano para pasar consulta na área de Pontevedra
Sinala que a Xunta deixou sen convocar 180 prazas de médicos de familia dende a chegada do PP en 2009, ademais de 29 prazas de enfermeiras de primaria este mesmo ano
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou á Xunta de empregar aos MIR como profesionais médicos “aos que pagar menos”. Así o dixo na comparecencia da Xunta sobre a convocatoria MIR hoxe en Comisión, onde aludiu á decisión do Sergas de empregar aos MIR de cuarto ano para pasar consulta en Pontevedra diante da falta de médicos “que eles mesmos provocaron”.
O responsable socialista dixo que o anuncio da Xunta en realidade supón que empreguen aos MIR como médicos baratos, e lembrou que “non son unha marca branca nin petróleo barato”, como queren facer cos médicos residentes “pagándolles menos”.
Apuntou que “ademais de que existen dúbidas sobre a viabilidade legal desta solución, habería incluso un argumento irrisorio en considerar que os MIR de cuarto son tan válidos como un médico titular da praza pero entón pagarlles menos e non cubrilos co mesmo contrato e protección legal”. Lembrou que a falla de médicos responde precisamente a que cando o goberno galego non convoca a oferta formativa que ten habilitada por parte do goberno central.
Acusou ao goberno galego de “inventar” solucións para abaratar porque “non quixeron ter máis profesionais” xa que dende a chegada do PP en 2009 deixaron sen convocar 180 prazas de médicos de familia. Engadiu que este mesmo ano o goberno galego deixou sen convocar outras 29 prazas formativas para enfermeiras de primaria, ademais de outras 105 prazas de médicos especialistas.
Julio Torrado acusou á Xuntar de deixar sen convocar unha terceira parte das prazas de cardiólogos das que podía dispoñer, así como varias praza de neumoloxía, oncoloxía ou “ningunha das categorías de saúde mental”, cando Galicia é a Comunidade Autónoma coa peor ratio de España.
O responsable socialista acusou ao goberno galego de levar 14 anos deixando sen cubrir as prazas de médico que tiñan dispoñibles para agora responsabilizar ao goberno central da falla de médicos. Lembrou que o estado vén de habilitar a quinta convocatoria MIR consecutiva máis alta da historia, pero que o goberno galego desaproveitou para agora reclamar máis prazas de medicina familiar, cando quedan baleiras polas pésimas condicións laborais impostas pola Xunta.
Torrado interveu na comparecencia do actual xerente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento e Saúde para dar conta do sistema MIR. O responsable socialista lembrou que o xerente, Antonio Fernández Campa, foi xerente do Sergas entre 2014 e 2020, e lle reclamou que explicara por que entre aqueles anos deixou sen acreditar máis de 100 prazas formativas para atención primaria ás que Galicia tiña dereito “e non quixeron”.