Luis Álvarez cualifica como un “parche malo” as axudas aos autónomos tras o “fracaso” do proceso de solicitudes coa caída do portal web e solicita un estudo da situación e medidas efectivas
O portavoz do grupo socialista, Luis Álvarez, anunciou hoxe en rolda de prensa que o grupo socialista preguntará a Rueda se vai a permitir en Galicia o acoso ás mulleres que van a abortar, na liña do goberno “intervido por Vox” que os populares permitiron en Castela e León.
Luis Álvarez referiuse ás medidas anunciadas a semana pasada polo vicepresidente de Castela e León, líder de Vox na comunidade que goberna xunto co PP, coas que se mostraba un “claro acoso e coacción” ás mulleres que deciden interromper o embarazo, entre as que destacan facer escoitar os latexos do feto ou unha ecografía en catro dimensións.
Ante o silencio dos populares galegos e do presidente Rueda, o grupo socialista empregará a Cámara galega para que se pronuncien e amosen o seu apoio o rexeitamento a estas accións que recibiron un gran desprezo por parte da poboación en todo o Estado.
Tanto a través de preguntas como iniciativas parlamentarias, os socialistas farán que os populares tomen partido neste asunto, xa que consideran que a poboación xa superou o debate do aborto fai tempo, así como para garantir que non se van a “atacar” os dereitos e liberdades das mulleres en Galicia, no eido tamén de loitar contra unha “estratexia a nivel mundial da ultradereita”.
Respecto de asuntos relativos á actividade económica, o portavoz socialista denunciou o mal funcionamento da plataforma para as axudas a autónomos da Xunta de Galicia, cunha caída do sistema apenas uns minutos despois de abrirse o prazo de solicitudes á medianoite do día 9 de xaneiro, sendo ademais atribuídas por concorrencia non competitiva, é dicir, por orde de chegada dentro dos criterios establecidos. Os socialistas súmanse así as queixas de autónomos particulares e da colexio de Xestores Administrativos.
Igualmente, Álvarez considera que as axudas en si mesmas estaban mal deseñadas, xa que só se cubría con elas ao 10% dos máis de 205.000 autónomos galegos, deixando fóra “aos que máis o precisan” ao esixir un rendemento neto mínimo de 10.000 euros, é dicir, un balance entre gastos e ingresos que é superior aos de moitos autónomos que teñen unha actividade menor e “precisan eses cartos extra” para poder aumentar a súa facturación.
Luis Álvarez define a medida como un “parche malo” ante un sector con grandes necesidades, solicitando ao mesmo tempo un estudo en profundidade sobre a situación dos autónomos na comunidade autónomo para realizar políticas públicas máis efectivas. “Medidas si, improvisación e mala praxe, non”, alegou o socialista.
FRACASO DA EXECUCIÓN EN VIVENDA
No relativo ás medidas económicas, tamén quixo destacar o “fracaso” da execución en vivenda do anterior exercicio, cos últimos datos do terceiro trimestre de 2022, a Xunta de Galicia só executou o 3,4% dos 53 millóns de euros do programa de acceso á vivenda, sendo o 96% dos fondos aportados polo Estado.
O goberno galego soamente tiña que aportar un destino útil a uns cartos “especialmente necesarios” nunha comunidade autónoma que é “a peor en canto a promoción de vivenda pública” e “cun grave problema de emancipación da xente moza”, xa que soamente o 15% dos menores de 30 anos poden independizarse e un mercado da vivenda cos “alugueiros disparados”, concluíu Álvarez.