A deputada socialista Paloma Castro acusou hoxe á Xunta de actuar contra a memoria democrática ao ignorar o mandato do Parlamento para a retirada das homenaxes a franquistas e non aplicar debidamente as leis que afectan á compensación das vítimas.
A deputada socialista fixo referencia á aprobación da Lei de Memoria Democrática, unha norma “conciliadora” que leva consigo a revisión e retirada de condecoracións e recompensas policiais para persoas que participaran na represión durante a ditadura franquista. Para isto, crearase unha Comisión de Estudo e Análise sobre a aplicación de dita norma, nos ámbito de competencia do Ministerio do Interior.
Explicou que esta lei tamén leva consigo a retirada de todo símbolo ou homenaxe contrarios á memoria democrática. A comisión realizará unha Lei de Orgánica de Asociacións para poder prohibir as que atenten contra a dignidade das vítimas, a través do menosprezo ou a humillación, así como que realicen apoloxía do franquismo, sendo a máis coñecida das mesmas a Fundación Francisco Franco.
Paloma Castro reivindicou que estamos ante un “fito histórico” xa que é a primeira lei que condena o golpe militar de xullo de 1936 e a ditadura posterior, pechando a “etapa máis negra da nosa historia”. “A memoria é un dereito. Un dereito da cidadanía e, sobre todo, un dereito das vítimas e as súas familias””, sinalou
Outro aspecto de especial relevancia para a representante socialista é o valor destacado que lle da ás mulleres que sufriron a represión franquista. Nesta liña apuntou que “temos que visibilizar e reivindicar como suxeitos políticos ás mulleres, co fin de facer xustiza con elas, pero tamén para que as nenas do futuro poidan ter coma referentes”.
Xa no 2008, a raíz da Lei de Memoria Histórica aprobada un ano antes da man do goberno de Rodríguez Zapatero, o Parlamento de Galicia chegou a un acordo para eliminar todo tipo de nomenclatura e simboloxía franquista dependente da Administración autonómica, así como mediar cos distintos concellos, para a eliminación total destes homenaxes no territorio galego.
Cando o PP recuperou a Xunta no 2009, deixou a un lado o mandato do Parlamento e ignorou calquera tipo de reivindicación democrática contra a ditadura de Franco. Para Paloma Castro esta posición é “intolerable” e teme que manteñan esta actitude coa nova lei aprobada no Congreso e no Senado e que pon tarefas aos gobernos autonómicos.
Recalcou a importancia de retirar os símbolos que “representan toda a violencia do franquismo, moita da que aínda hoxe permanece nas fosas comúns, a súa permanencia escenifica unha falla de verdadeira vontade política de facer hixiene democrática” por parte dos responsables institucionais.
Por último, referiuse a un dos aspecto destacables da normativa que aplica especialmente a Galicia é a recuperación do Pazo de Meirás, que definiu como “o símbolo en Galicia do espolio franquista” , polo que se mostrou satisfeita por “unha recuperación que se ben moralmente e incuestionable, xuridicamente non é doado e levou moitas horas de traballo conxunto e coordinado con asociacións galegas de memoria”, concluíu.