O voceiro do grupo socialista, Luis Álvarez, denunciou hoxe a baixa execución orzamentaria da Xunta no ano 2022, destacando negativamente os servizos públicos e de protección social, con datos “sangrantes” en vivenda, onde os cartos finalmente empregados nin sequera chegan o 10%, cando o executivo galego ten as competencias neste ámbito e hai unha gran dificultade para acceder a un alugueiro en Galicia.
O portavoz do grupo parlamentario socialista compareceu no primeiro luns do ano para facer balance do que xa rematou e anunciar as principais directrices a seguir durante o 2023. Puxo o foco nos datos de execución orzamentaria dos 9 primeiros meses do ano que se deron a coñecer ao final do mesmo, e que son unha mostra de realidade da xestión do executivo galego.
Luis Álvarez centrouse especialmente nos ámbitos de políticas sociais, nos que a execución foi “insuficiente” e amosa que “nada cambiou” nos primeiros meses de Rueda na presidencia da Xunta, que continúa coa “tendencia histórica” dos populares de “anunciar grandes orzamentos sociais para logo non executalos”, polo que Álvarez adiantou que no 2023 volverá a pasar o mesmo.
Resaltou algúns dos datos por seccións, como o 55% de execución en protección social, dentro dos cales nos servizos sociais comunitarios, onde se inclúen por exemplo, as residencias de maiores, foron executados o 29% dos cartos, así como o ámbito de fomento do emprego soamente hai un 19% de execución.
Sen embargo, as políticas de vivenda son as que máis deixa de lado unha Xunta de Galicia con amplas competencias neste campo, incidindo Luis Álvarez na “sangrante” baixa execución dun 9,2%, especialmente coas problemáticas existentes que impiden á, “cada vez máis escasa mocidade galega”, acceder a un alugueiro “en condicións dignas para poder iniciar o seu proxecto vital na comunidade”.
Luis Álvarez preguntouse “como é posible” que o goberno galego continúe neste senda, cando Galicia é o territorio de España con “menos axudas ao alugueiro para a xente moza” así como “a que ten menor promoción pública de vivenda”.
No ano 2021 houbo 800 millóns de euros dos orzamentos que se acabaron adicando a outras partidas, movementos dentro das contas que confirma para o voceiro socialista que a imaxe de “goberno que mellor xestiona e planifica” que queren “vender” dende a Xunta é totalmente equívoca. Estes datos, seguramente sexan similares cando transmitan a execución final do 2022, unha mostra máis da “incapacidade” do executivo galego, para os socialistas.
Fixo referencia tamén ao discurso de fin de ano de Rueda, no que “parece que en Galicia non hai problemas coa atención primaria, nin listas de espera para unha praza en residencias, coa mellor educación”, incidindo en que “para a Xunta todos son incidencias puntuais”, nestes ámbitos, negando a existencia de problemas de fondo.
Acusou ao goberno do PP de estar “exclusivamente pendente de confrontar co goberno do Estado” buscando así esquivar os problemas e “botarlle a culpa das eivas derivadas das súas competencias”.
DEFENDER OS INTERESES DE GALICIA NO 2023
De cara ao 2023, sinalou que os socialistas trasladarán ao Parlamento a “defensa dos intereses de Galicia dende a normalidade”, destacando o impulso dun “máis necesario que nunca, plan galego de loita contra a pobreza”, así como “as dotacións de persoal sanitario suficiente e protección das persoas maiores ante a insuficiencia absoluta de prazas en centros de día e residencias, así como mellorar as condicións en que se presta a atención ás persoas maiores neses centros”.
Tamén destacou que neste novo ano estarán “moi pendentes” da evolución eólica e industrial, do sector agrario, cárnico e dos produtores de leite, no da pesca, ou no do transporte. Un 2023 no que serán “unha vez máis, moi esixentes” sobre as cifras de execución orzamentaria, así como seguir “apostando por políticas sensatas e reais, con total convicción”, concluíu.