Julio Torrado alerta dunha maior incidencia destas doenzas en Galicia que no resto do Estado
A Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta máis persoal e recursos en Atención Primaria destinados á detección precoz e a atención das insuficiencias cardíacas. O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, presentou esta iniciativa que recolle as peticións dos expertos en doenzas cardíacas.
O responsable socialista presentou esta proposta logo de varios contactos con responsables da Fundación Española do Corazón e a Sociedade Española de Cardioloxía, que reivindican dotar ao servizo dos recursos materiais e humanos necesarios para afrontar con éxito a prevención e atención a estas doenzas. Torrado alertou da maior incidencia das patoloxías cardíacas en Galicia que no resto do Estado, onde se ten rexistrado un aumento do 20 por cento dos casos.
Torrado alerta de que a Xunta mantense “rezagada” no desenvolvemento dunha estratexia propia no marco do Plan Estratéxico Nacional de loita contra a insuficiencia cardíaca, aprobado no Consello Interterritorial de Saúde do pasado mes de maio. Mentres outras comunidades autónomas xa teñen incorporado esta cuestión no seu deseño estratéxico nos correspondentes sistemas de saúde, apunta, o goberno galego “aínda non deu síntomas de avanzar”.
O Grupo Socialista reclámalle á Xunta que elabore unha Estratexia Galega de loita contra a insuficiencia cardíaca, seguindo as indicacións do CISNS, que permita “habilitar protocolos de actuación e deseños estratéxicos en prevención e tratamento de pacientes sobre insuficiencia cardíaca ao maior nivel asistencial posible”.
Segundo plano
Advirte que Galicia mantense nun “discreto segundo plano” no canto á xestión sanitaria orientada á insuficiencia cardíaca, desaproveitando a altísima calidade dos equipos profesionais. Os criterios de xestión da sanidade galega “están quedando atrás” con respecto aos criterios clínicos e a referencia nacional e internacional dos avances que se producen.
O responsable socialista reivindicou unha intervención máis proactiva sobre campañas de prevención, implementando unha maior conexión dos servizos de cardioloxía coa atención primaria. O obxectivo é adiantarse aos problemas e difundir mellores hábitos de vida dende a perspectiva da saúde comunitaria, “hoxe afogada pola saturación da atención primaria”, e por iso reclama unha campaña de sensibilización sobre a importancia da saúde cardiovascular.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a: