O líder dos socialistas galegos participa na reelección de Samuel Lago como candidato á alcaldía de Cambados, a quen pon de exemplo das “mellores políticas” do PSdeG
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, puxo hoxe como obxectivo “que o mundo municipal volva ter unha maioría representada polo PSdeG”. Así o dixo en Cambados, onde asistiu á asemblea local que designou ao actual alcalde, Samuel Lago, como candidato á reelección nas próximas eleccións municipais.
Formoso fixou como obxectivo que os comicios locais do próximo ano sirvan de “plataforma para volver gañar as próximas eleccións xerais en Galicia, e por suposto para recuperar a Xunta de Galicia”. Apelou a que “representemos á maioría de Galicia, como está a ocorrer agora mesmo” coa maioría socialista en tódolos ámbitos, “urbano e rural, no interior e na costa”.
O responsable socialista puxo ao Salnés como exemplo de goberno onde o socialismo “desprega as mellores prácticas como formación política”, onde os alcaldes e alcaldesas “acreditan estar vencellados aos intereses dos veciños e das veciñas por riba dos intereses partidistas”. Onde, dixo, “lle esiximos ao Estado e á Xunta cando hai que lles esixir”, independentemente da cor política.
Apuntou que “lle esiximos á Xunta de Galicia que dote de servizos mínimos sanitarios a unha comarca moi castigada pola falla de Atención Primaria, precisamente no ámbito sanitario máis apegado á cidadanía”. Coa mesma intensidade, dixo, “defendemos aos profesionais do sector do mar para que o Ministerio para a Transición Ecolóxica respecte os usos tradicionais no dominio público marítimo – terrestre”.
En resposta a preguntas dos xornalistas, trasladou todo o respecto pola decisión do actual portavoz socialista en Pontevedra, de deixar paso a unha nova candidatura á alcaldía encabezada por Iván Puentes. Dixo que esta candidatura, “ao igual que a anterior, vai ter todo o apoio a nivel galego e provincial” para recabar “a maior representación posible na cidade de Pontevedra”.
Chamou a artellar un proxecto que permita “despegar con voz propia”, para que a cidade non quede á marxe do peso do socialismo no rural e no urbano en toda a provincia grazas a un proxecto con “ilusión”, e coa “capacidade de representar á maioría social”.
Samuel Lago
O actual alcalde e xa candidato á reelección á alcaldía de Cambados, Samuel Lago, chamou a acadar a “maioría suficiente” no Concello para garantir un “goberno estable” coa forza necesaria para cumprir cun programa electoral que atende ás demandas da cidadanía e “impedir que volvan ao goberno os anos tristes e escuros de Cambados”.
Sinalou os “importantes proxectos” previstos para a próxima etapa de goberno logo dos anos de “dificultades” marcados pola covid, as consecuencias da guerra de Ucraína e a inflación, que foron afrontados por un goberno cunha minoría que quere deixar atrás co reforzo do apoio da cidadanía de Cambados.
O secretario provincial, David Regades, sinalou os avances da localidade grazas ao goberno do PSdeG, con Fátima Abal primeiro e Samuel Lago despois, que foron quen de “poñer Cambados no mapa”, con logros como a declaración da Festa do Albariño como de intereses internacional. Eles conseguiron, dixo, “que Cambados fora referencia na prensa internacional por cuestións positivas, non como no pasado co PP”.
Regades apuntou á situación clave de Cambados para acadar os 500 sufraxios que faltaron na comarca para que os socialistas conseguiran un novo deputado provincial e con el a maioría absoluta na Deputación provincial. Apuntou aos datos demoscópicos que auguran unha suba do PSdeG, que pernitirán “revalidar a alcaldía e reforzar de forma significativa” os apoios nas próximas eleccións municipais.