O portavoz parlamentario de sanidade do PSdeG, Julio Torrado, denunciou que a falta de médicos que hai en Galicia se debe a que “é a comunidade que menos paga aos MIR” e que o goberno central está ofertando “máis prazas ca nunca”, pero que “son as precarias condicións laborais” que ofrece o Sergas as que levan aos profesionais a non querer establecerse en Galicia.
A voz autorizada do PSdeG nos temas relativos á sanidade no Parlamento de Galicia amosou a “preocupación clarísima” do seu partido ante o deterioro constante da atención primaria, que leva varios meses sendo noticia polo desborde que está sufrindo e as protestas de profesionais e usuarios.
A principal “escusa” do goberno da Xunta ante a falta de medios humanos nos centros médicos é que o goberno central non aporta os suficientes MIR a Galicia. Algo que desmentiu por completo Torrado ao alegar, achegando os datos na rolda, que o goberno de Pedro Sánchez aumentou o número de prazas MIR convocadas batendo o récord durante 4 anos seguidos, 5 no caso das prazas para Galicia.
Outro dato que aportou o socialista é o dos soldos que reciben os MIR no primeiro ano, destacando a comunidade autónoma galega por ser a que menos paga de toda España, o que é para el o motivo real de por que non se reteñen os médicos. É por isto que Julio Torrado declarou que o goberno galego está “a velas vir” e que “queren que lles abran o billa, pero non saben poñer o tapón”.
Tamén resaltou que actualmente España é o segundo país con máis facultades de medicina do mundo, que actualmente hai 8.000 novos estudantes cada ano, que son o dobre de hai 20 anos. Estes datos contrapoñen o relato do PP de que faltan médicos, remarcando Torrado que “non hai un problema de falta de sanitarios, hai un problema coas condicións que se lles ofrece”, aclarando que non só é un asunto relativo ao salario, senón que tamén inflúen os medios dos que dispoñen e distintos aspectos laborais, como as gardas ou a temporalidade.
Acusou a Rueda e Comesaña de querer denigrar a profesión” para así ter un maior número de profesionais aos que pagar un salario máis baixo, o que se cualifica como “petróleo barato”, polo que resumiu a política da Xunta en ofrecer “regalos fiscais aos máis ricos para que vaian en Porsche á privada e pagarlle menos aos sanitarios, facendo que o resto cada vez teñamos que esperar máis para ver o noso médico”.
Julio Torrado alertou da perigo de que se estean a normalizar algunhas cousas excepcionais, como as listas de espera de 15 días en atención primaria, os PACs sen médico, que non haxa pediatras nos centros de saúde como defendía López-Pardo, poñer aos MIR a traballar como médicos sen titor ou obrigar ao persoal de enfermaría a exercer de médicos.
A preguntas dos xornalistas sobre certa “fuga” de profesionais á sanidade privada, Julio Torrado destacou que “é a primeira vez que a privada ofrece mellores condicións que a pública” e que isto “ten que facer reflexionar a Rueda e Comesaña”. O único que ven os socialistas, son “unha sucesión de solucións que o ían a arranxar todo, pero que non melloraron nada”.
O deputado socialista anunciou distintas accións parlamentarias que levarán a cabo no campo da sanidade, denunciando que “lavemos tempo esperando por un debate serio sobre a atención primaria, pero entendemos que o conselleiro está agochado porque non ten respostas que ofrecer”.
Ante a reunión que terá Rueda este mesmo martes co Colexio Oficial de Médicos, Torrado lamentou que “tivéramos que chegar a esta situación para que o presidente da Xunta se reúna cos médicos”, recordando que o colexio de médicos de Pontevedra rompeu relacións coa Consellería, polo que para o socialista esta reunión tería que producirse moito antes.
Tamén se pronunciou sobre as concentracións convocadas para este mércores en distintos puntos do territorio galego por parte da plataforma SOS Sanidade Pública, co foco posto na atención primaria, remarcou o apoio e a presenza do PSdeG nestas mobilizacións, xa que entende que “este goberno desnortado só actúa cando ve á xente moverse e titulares” na prensa.