Julio Torrado acusa ao conselleiro de Sanidade de “renunciar ás súas competencias” para responsabilizar ao goberno central das malas condicións laborais na sanidade e dos recortes do PP na última década
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe á Xunta de ofrecer un “buffet libre de problemas” na sanidade pública. O responsable socialista realizou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que criticou que logo dunha década de recortes e precarización das condicións laborais na sanidade por parte do PP, agora “renuncian ás súas competencias” só para responsabilizar ao Estado.
O responsable socialista lembrou as “ideas comprometedoras” que vén ofrecendo o goberno galego para o sistema sanitario, que van dende “deixar solos aos MIR nos centros de saúde e os PAC sen médico”, do que “tiveron que dar volta atrás”, ata “desamparar ás enfermeiras deixándoas solas facendo función de médico”. E todo isto, engadiu, pasando polo plan para facer videoconsultas nos PACs, que tamén “tiveron que parar”.
Torrado ironizou co menú da sanidade pública, cando “para un médico teñen a precariedade, para a enfermeira desamparo legal, a un técnico de ambulancia dinlle que arranxe os convenios coas empresas, e se un é usuario teñen tarifa plana con todos os problemas”. Continuou co símil apuntando que “cando un entra nun Centro de Saúde vai a ver o que lle vai pasar”, mentres “teñen un prato único de respostas, que é culpar ao Estado porque non hai médicos”.
Replicou que “son as prestacións laborais e os recortes” aplicados polo PP os que botan aos profesionais da sanidade fora do sistema, xa que España é o segundo país do mundo con máis facultades de Medicina despois de Corea do Sur, nas que en 10 anos licenciaranse 80.000 profesionais. Malia que son os mesmos que se van xubilar, estes seguirán faltando “porque vostedes non repuxeron” profesionais coa taxa de reposición do 10 por cento na etapa de Rajoy.
Advertiu que “cada ano se presentan menos médicos aos MIR”, ata o punto de que Galicia non puido cubrir as prazas de medicina familiar ofertadas, mentres a Xunta pide “ofertar máis prazas” no canto de mellorar as condicións dos profesionais sanitarios. Reclamou que “constrúan un pouco e non manden aos enfermeiros e aos MIR a facer o que non lles corresponde” porque, sinalou, “non pedimos que vostedes fagan máis, senón de que o fagan mellor”.
O responsable socialista constatou que malia que “afirman facer moitas cousas”, os centros de saúde “cada vez teñen menos sanitarios”. Reclamoulle ao conselleiro que “traballen no consenso” despois de constatar que ata o Consello de Médicos de Pontevedra ten sinalado que “xa non é o interlocutor necesario”.