Acusa ao goberno galego de “invitar para que os concellos paguen” a maior parte do custe
A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, criticou que “a Xunta invita e os concellos pagan” a gratuidade das escolas infantís prometida polo goberno galego. Rodríguez Rumbo presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para reclamarlle ao Executivo autonómico que asuman “a totalidade do custe das escolas infantís galegas que están mantendo os concellos”.
Sinalou que a Xunta “pretende que os concellos mintan para lavarlle a cara”, logo deste anuncio que asumiu o anterior presidente da Xunta en abril de 2020, para implantar a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos para segundos fillos e sucesivos. Mentres o goberno galego asume unha pequena parte desta medida, dixo, obriga aos concellos a entregarlles ás familias uns xustificantes mensuais dicindo que o prezo foi bonificado na súa totalidade pola Xunta.
Puxo como exemplo o caso dun concello de 5.000 habitantes cunha escola infantil de 0 a 3 anos cun custe de 171.400 euros, dos que a Xunta dispón o 22 por cento, as familias achegan outro 20 por cento mentres que o concello ten que asumir o 58 por cento restante.
Denunciou que mentres a Xunta destina 41,5 millóns para financiar ás escolas infantís privadas, cun máximo de 306 euros ao mes por praza, nas de titularidade muicipal o orzamento é de 10,6 millóns e un máximo de 169 euros ao mes por praza.
Begoña Rodríguez Rumbo advertiu que á vista dos Orzamentos da Xunta para o ano 2023, os concellos “volven ser os grandes damnificados con Rueda”, xa que recibirán aportacións polos mesmos 112,9 millóns de euros que teñen conxelados dende hai 13 anos, malia que os Orzamentos da Xunta aumentan o próximo ano en 1.239 millóns de euros.
Advertiu que o déficit dos concellos nas competencias compartidas coa Xunta de Galicia supera os 620 millóns de euros, tal e como vén de advertir recentemente o presidente da Fegamp, o que “ameaza seriamente a viabilidade dos concellos galegos”. Explicou que a Xunta tan só financia 376 millóns de euros dos 1.000 millóns que supoñen os servizos compartidos co goberno galego.