O portavoz do Grupo Socialista alerta fronte ao anuncio de Sanidade de onte de cara a deixar os PACs da área de Pontevedra – Salnés sen persoal médico
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, alertou hoxe que “a Xunta está a parecerse dunha forma perigosísima ao modelo sanitario madrileño” de Ayuso. Así o dixo logo do anuncio feito onte pola Consellería de Sanidade confirmando que formará a persoal de enfermaría dos PACs da área Pontevedra – Salnés para atender aos pacientes sen a presencia de persoal médico, tal e como está a suceder en Madrid.
O responsable socialista interveu logo da Xunta de Portavoces do Parlamento que fixou a orde do día do próximo Pleno do Parlamento, no que lle preguntará a Alfonso Rueda precisamente pola situación dos servizos públicos en 2023. Álvarez advertiu que “constatamos que os Orzamentos da Xunta para 2023 non incorporan ningún tipo de reforzo de políticas públicas, educación, política social e sobre todo da sanidade”.
Alertou fronte a este anuncio, derivado da insuficiencia orzamentaria e o “desacerto” na traxectoria da política sanitaria por parte da Xunta, que derivan no anuncio destas medidas polas que “unha parte importante da cidadanía vai ser atendida nos Centros de Saúde por persoal de enfermaría”. Explicou que esta realidade “nos preocupa, nos ocupa e nos produce unha fonda inquedanza”.
Luis Álvarez reclamoulle á Xunta que “corrixan” ese modelo sanitario, e sinalou que “vamos ver que hai detrás de toda esa relación de medidas urxentes e desafortunadas que pretende poñer en práctica o goberno galego”. Apuntou que esta decisión “non aparece de repente”, senón que responde a unha deriva que o PSdeG vén advertindo “dende fai anos”.
O Pleno do Parlamento que se celebrará a próxima semana incluirá tamén unha interpelación do Grupo Socialista sobre a falla de xestión da Consellería de Emprego en materia de formación laboral. Aludiu así aos 13 anos de xestión do PP nos que tiveron que devolver 1.773 millóns de euros para políticas de formación e emprego que quedaron sen executar e cos que poderían ter formado a 35.000 persoas.
Tamén incluirán unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta información real sobre o impacto da crise socioeconómica sobre a poboación con máis dificultades e elaborar a continuación un Plan específico de loita contra a pobreza en Galicia. O Grupo Socialista presentará ademais unha moción para que a Consellería de Educación elabore un informe sobre as múltiples irregularidades detectadas no servizo de transporte escolar dende o comezo do curso.
Álvarez anunciou que o Grupo Socialista levará ao próximo Pleno unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta que manteña a bonificación do 10 por cento no recibo do liño a 167 concellos adscritos a Sogama. Así o dixo logo da “traxectoria errática” do goberno galego coas bonificacións de Sogama, logo de que “primeiro eliminan a bonificación, despois autoeméndanse, corrixen á conselleira de Medio Ambiente e anuncian unha bonificación distinta”.
O Grupo Socialista levará ao próximo Pleno unha pregunta urxente con motivo da celebración, o 25N, do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Os socialistas galegos reclamaranlle á Xunta que elabore un informe sobre a execución real en Galicia do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, explicando as previsións, os datos que manexa o goberno galego e as consecuencias prácticas deste acordo.