O líder dos socialistas galegos asiste en Camariñas ao acto de conmemoración dos 20 anos do Prestige
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, comparou hoxe a xestión da catástrofe do Prestige por parte do goberno do PP, con “manipulación, mentira e afastando o problema”, coa “verdade, transparencia e coordinación” coa que o goberno socialista respondeu á pandemia da covid. O líder dos socialistas galegos asistiu hoxe en Camariñas ao acto de conmemoración dos 20 anos do accidente convertido en catástrofe medioambiental pola xestión do PP.
Valentín González Formoso lembrou que o goberno daquela, encabezado por Aznar en Madrid e por Fraga en Galicia, “preferiu utilizar a manipulación e a mentira” e negar a existencia dunha marea negra, e que mentres Rajoy, daquela ministro portavoz do goberno, falaba de “hilillos de plastilina”, o pecio do buque afundido vertía 200 toneladas de fuel á hora.
Emprazou a facer unha “reflexión conxunta” sobre a diferenza na xestión, cun goberno daquela preocupado de afastar e agochar os problemas cun goberno que respondeu á pandemia “dándolle a cara ao problema” e tomando a decisión “máis difícil da historia” decretando o confinamento e reforzando o sistema sanitario e investigador do país.
O responsable socialista acudiu ao acto organizado en Camariñas e presidido pola ministra portavoz do goberno, Isabel Rodríguez, ante quen emprazou a “non baixar a garda” na defensa das costas galegas, e subliñou que “”Galicia o vai agradecer”. Tivo un recordo para a xente do mar, que “dan todo por este país, e o único que piden a cambio é transparencia, que se lles atenda, que coidemos do mar e que ningún goberno volva empregar a mentira contra Galicia”.
Advertiu que “nada está garantido”, e que “o que non se coida desaparece”, e sinalou o traballo dun goberno “absolutamente ecoloxista” fronte á “maraña burocrática e xurídica” dos “piratas”, que hoxe “teñen garabata e despachos en Luxemburgo e Suíza, e andan en mercedes protexidos pola maraña política e fiscal deses paraísos”.
Lembrou o traballo feito polo goberno tamén socialista daquela encabezado por José Luis Rodríguez Zapatero, quen sucedeu a Aznar, co galego José Blanco como ministro, para dotar de medios a Galicia e un país polo que discorren 2 das 3 rutas perigosas do mundo”. Grazas á súa xestión Galicia pasou de non ter capacidade de almacenamento de contaminación subacuática e contar con máis de 5.000 metros cúbicos.
Foi o goberno de Zapatero, dixo, o que garantiu un investimento no seu día de 1.023 millóns de euros, garantiu a presenza dun buque polivalente, o Don Inda, en Galicia, así como dous grandes buques remolcadores de altura, 7 lanchas salvamares, 2 bases de helicópteros de salvamento en A Coruña e Santiago, unha base contra a contaminación subacuática en Fene e o Centro de Coordinación de Salvamento e loita contra a contaminación subacuática de A Coruña.