Patricia Otero presentou esta iniciativa coa intención última de “manter os postos de traballo dos veciños e das veciñas da mariña”
A parlamentaria socialista Patricia Otero presentou unha proposición non de lei que foi aprobada no Parlamento de Galicia, para que se inste á Xunta a facilitar a tramitación dos parques eólicos necesarios que garantan á planta de Alcoa en San Cibrao un prezo da enerxía competitivo que permita manter a súa actividade e, por tanto, os postos de traballo, obxectivo primordial do seu grupo.
A deputada socialista defendeu esta proposta para tratar de manter os empregos dos que dependen a meirande parte da comarca e que precisan compromiso da empresa e das administracións para “poñer as cubas a funcionar en xaneiro de 2024”, coa garantía de abastecemento eléctrico a un custo competitivo, polo que precisan de novos parques eólicos que abaraten a enerxía. Tralos acordos de Alcoa con Greenalia e Endesa, Otero defendeu que “agora é o turno do goberno galego”.
Otero deu por suposto que estes parques eólicos terán que facerse “de xeito ordenado, con control, que respecte aos propietarios dos terreos e aos veciños, así como con responsabilidade medioambiental co territorio e que reverta economicamente na zona”, do mesmo xeito que os socialistas opinan que as administracións públicas terían que participar na propiedade destas novas construcións.
O grupo socialista aceptou a emenda presentada polo grupo popular que quería instar tamén ao goberno central, ao que Otero alegou que “sempre estamos dispostos a poñer deberes” ao executivo do Estado. A emenda popular tamén engadía a necesidade de facer a tramitación de acordo á legalidade, algo que sorprendeu á socialista ao entender que non se pode facer de outro modo.
Isto significou a aprobación final da proposición socialista, que contou co voto favorable dos populares e a abstención do BNG, que viu rexeitada a súa emenda porque Patricia Otero, a pesar de compartir varios dos seus puntos, declarou que consideran que son aspectos que non se deberían incorporar dentro da proposta socialista e deberían ter un debate a parte.
Patricia Otero deu a benvida ao consenso de novo ao PP e BNG, destacando a importancia da “unión da política, sociedade civil e representantes dos traballadores para tumbar o ERE” no ano 2021.
Pódese destacar a denuncia de Otero á “política de brazos cruzados da Xunta” en materia de enerxías renovables, en concreto cos parques eólicos. Pola súa banda, ao parlamentario do BNG reprochoulle que amosara unha fotografía dun concelleiro do seu partido nas protestas de Alcoa, querendo apropiarse da loita dos traballadores, polo que Otero recordoulle que “os mariñáns levamos anos saíndo ás rúas defendendo os postos de traballo” da planta de San Cibrao.
A representante socialista finalizou demandando ao resto de grupos a manter a presión a Alcoa para que cumpra os compromisos cos traballadores, destacando o forno de ánodos, investimento fundamental para a viabilidade desta industria.
Iniciativa aprobada hoxe:
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a facilitar a tramitación dos parques eólicos que sexan necesarios para que o prezo da enerxía sexa competitivo para a planta de Alcoa en San Cibrao”.