O portavoz do Grupo socialista advirte das dificultades impostas polo Sergas á nova vacina, que provocan que logo de dúas semanas aínda estean sen vacinar 6 de cada 10 maiores de 85
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, centrará a próxima sesión de control ao presidente da Xunta no “colapso” do sistema sanitario galego. Así o explicou logo da Xunta de Portavoces do Parlamento, que fixou a orde do día do Pleno da próxima semana, que os socialistas galegos centrarán na grave situación da sanidade pública.
Alertou neste sentido do “absoluto fracaso” do sistema de vacinación organizado pola Xunta para subministrar a cuarta dose da vacina da covid, desta vez obrigando á poboación a desprazarse aos hospitais e grandes centros de vacinación. O resultado, dixo, é que están a dificultar o acceso da poboación a este recurso, polo que logo de dúas semanas aínda teñen sen vacinar a 6 de cada 10 persoas de máis de 85 anos, que é a poboación diana desta nova fase.
O responsable socialista reclámalle a Rueda que dea conta da situación do sistema sanitario, con listas de espera a niveis “inadmisibles” e que “non son capaces de baixar”, serios problemas para a cobertura de prazas de Pediatría e a Atención Primaria “colapsada”.
A situación da sanidade galega tamén será o centro dunha moción na que o Grupo Socialista lle esixe á Xunta que presente un informe oficial nun prazo de un mes para dar conta do destino dos 159 millóns de euros de fondos covid que lle foron entregados polo Estado no ano da pandemia e que “nin o Consello de Contas é capaz de determinar onde foron parar”.
Con esta proposta reclaman que o Sergas implemente un sistema público de contabilidade público “igual que o resto” da administración autonómica, logo de dous informes do ente fiscalizador que alertan da falla dun sistema integral de contabilidade. Tamén reclaman que “reduzan o abuso da contratación menor sen concorrencia nin publicidade” e a consecuente “opacidade na adxudicación de contratos”.
Dimisións
Os socialistas tamén poñerán o foco, a través dunha pregunta oral, na situación de desgoberno do Executivo autonómico dende a chegada de Alfonso Rueda á presidencia do goberno coa cascada de dimisións de altos responsables tanto dentro da Consellería de Sanidade como, a pasada semana, do director xeral de FP, precisamente, ironizou, unha semana despois de que o propio conselleiro de Educación dixera que Galicia tiña “a mellor FP de España”.
O Pleno da próxima semana incluirá ademais unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta que se dirixa á Unión Europea para frear a nova prohibición á pesca de quenlla nos caladoiros europeos, que afecta a unha parte importante do sector do palangre de Galicia. Ironizou sinalando que “no lle vou pedir a Rueda que vaia a Bruxelas porque non vai ir, pero si quero pedirlle ao PP que apoie a nosa petición” para frear esta nova restrición á pesca galega.
Tamén presentarán unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta “medidas solventes para resolver a redución da presenza de mulleres no rural galego” e despregar políticas para reverter unha tendencia que é máis acusada en Galicia que no resto do Estado. Os socialistas galegos presentarán esta iniciativa coincidindo coa celebración, o próximo 15 de outubro, do Día Internacional das Mulleres Rurais.
O Pleno do Parlamento incluirá ademais unha moción do Grupo Socialista sobre o impulso da economía circular en Galicia, unha interpelación sobre a falla de políticas da Xunta para a emancipación da mocidade e dúas preguntas sobre a situación da estrada OU-533 que comunica Valdeorras con Galicia e a mellora da seguridade na estrada autonómica PO – 363 ao seu paso por Redondela.