Noa Díaz subliña que “a Xunta de Galicia non está a cumprir ni coa súa normativa nin coa defensa dun turismo sustentable que preserve a identidade de cada zona turística”
A Comisión de Industria do Parlamento aprobou hoxe a proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que cumpra coa súa propia normativa que regula as vivendas de uso turístico. A parlamentaria socialista Noa Díaz reclamoulle hoxe á Xunta que cumpra co Decreto 12/2017 que regula esta actividade e elimine do Rexistro de vivendas de uso turístico -VUT- aquelas que carezan de habilitación municipal.
A parlamentaria socialista reclamoulle ao goberno galego que “colabore coas administracións competentes en materia urbanística para lograr un uso axeitado e ordenado das vivendas de uso turístico”. Considera “incomprensible” que o mesmo goberno que redactou aquela norma “se negue a lle dar cumprimento e non queira eliminar do rexistro ás vivendas que carecen de habilitación municipal”.
A responsable socialista acusou ao goberno galego de “abdicar da súa obriga de cumprir coa Lei”, e sinalou que con esta forma de actuar “o único que está conseguindo é crear confusión e caos entre os propietarios destas vivendas”.
Díaz explicou que o decreto que ordena estas vivendas impide continuar coa actividade no caso de que carezan dos requisitos, e que precisamente son os concellos os que deben regular e establecer limitacións ás VUT. Son as entidades locais, polo tanto, as que deben exercer as súas competencias urbanísticas e establecer requisitos ou permisos previos esixidos para empezar coa actividade.
Santiago de Compostela
Lembra que hai xa dúas sentenzas do TSXG que “consideran, ao igual que neste caso o Concello de Santiago, que as VUT son unha actividade económica, e por iso precisa dunha licencia municipal previa, e que ademais xa estaban reguladas polo Plan especial de Compostela do ano 1997”.
A parlamentaria compostelá acusa á Xunta de “incumprir a súa propia normativa e a defensa dun turismo sustentable que preserve a identidade de cada zona turística”, neste caso a cidade de Compostela. Sinala que “o goberno local compostelán non pretende prohibir este tipo de establecementos, senón regulalos precisamente para protexer o interese público e determinar o modelo de convivencia e dun turismo sostible e responsable que a cidade precisa”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego ao efectivo cumprimento do Decreto 12/2017 e a colaborar coas administracións competentes en materia urbanística para lograr un uso axeitado e ordenado das vivendas de uso turístico”