O secretario xeral do PSdeG critica o feo da Xunta “á primeira economía europea” que acolle a 14.000 galegos e galegas
Tamén agradece ao ministro de Pesca, Luis Planas, a defensa da pesca de fondo galego que permitirá a retirada do veto en 41 dos 87 caladoiros
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, criticou a ausencia do Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no cumio hispano-alemán ao que estaba convidado. Entende que está a “faltar ao respecto aos galegos e ás galegas”, así como a un “país receptor da emigración galega durante décadas” como Alemaña.
Valentín González Formoso reivindicou a importancia do cumio bilateral entre España e Alemaña para Galicia, xa que “Europa estaba mirando a Galicia”. A condición de do país xermánico de “primeira potencia económica” da Unión Europea resalta, para os socialistas, a importancia que tivo este encontro para a comunidade autónoma.
Ante a destacada relevancia do evento celebrado na Coruña, o secretario xeral dos socialistas galegos non comprende que o presidente da Xunta decidira non asistir e, polo tanto, deixar de representar a Galicia, feito que Formoso entende como unha “falta de respecto” a todos os galegos e galegas.
Do mesmo xeito sinala que tivo “un feo” coa delegación alemá, encabezada polo chanceler Scholz, que representa a un país “receptor da emigración de Galicia” durante décadas e no que “actualmente viven máis de 14.000 galegos e galegas”, entre os cales están os que “tiveron que marchar por falta de oportunidades” durante o mandato de Feijóo, cando Rueda era Vicepresidente.
O representante socialista cualificou a data de “histórica para Galicia”, xa que tivo “a honra” de acoller un evento de tal magnitude e que “ningún presidente galego estivo ante unha oportunidade” de estar nun encontro a tan alto nivel, que Alfonso Rueda “desaproveitou”.
O secretario xeral do PSdeG fixo estas declaracións no contexto dunha visita a Vigo xunto co Ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas, coa secretaria xeral de pesca, Alicia Villariz, e coa exministra e actual concelleira en Vigo, Elena Espinosa, cos que acudiu ao auditorio Mar de Vigo que acollerá un cumio de pesca durante a presidencia española da Unión Europea do 2023.
UNHA PRIMEIRA VITORIA
Formoso, sinalou que estamos ante unha “primeira vitoria” coa pesca de fondo, pero destaca que hai que “continuar dando a batalla” en Europa para chegar á retirada total do veto. Esta foi a valoración do líder socialista da noticia de hoxe da decisión anunciada pola Comisión Europea de retirar o veto en 41 do 87 caladoiros afectados.
Trala visita mantiveron unha xuntanza explicativa para acadar “o novo escenario aberto” trala rectificación parcial do comisario europeo de Pesca, que permite “ser optimistas aos galegos e ás galegas”.