Luis Álvarez apunta que “preocupa moito” que “para o conselleiro e a Xunta, o caos educativo sexa a normalidade”
Apunta a Rueda que “estea á altura do cargo que representa” e acepte as propostas dos socialistas aos próximos orzamentos para “blindar os servizos públicos” e impulsar o sistema produtivo
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, apuntou hoxe ao malestar do sector educativo polos recortes e as condicións impostas pola Xunta no inicio de curso. Antes da sesión de control ao presidente e da comparecencia do conselleiro que terán lugar no pleno que comeza mañá, Álvarez reclamoulle á Xunta que empreguen os orzamentos dispoñibles para recuperar as condicións laborais e o cadro de persoal educativo.
O responsable socialista alertou de que “se o conselleiro augura un inicio de curso caótico, e despois pasa a falar de gran normalidade, cabe concluír que para o conselleiro e para a Xunta o caos é a normalidade, o que nos preocupa e moito”. Sinalou sen embargo que o conselleiro dispón de orzamento suficiente para recuperar tanto o persoal laboral como as condicións laborais de antes de 2012, e polo tanto recuperar a calidade do sistema educativo.
Advertiu de que, a diferenza de outras comunidades autónomas, Galicia non ten adoptado “ningún tipo de medida” para mellorar a situación no ensino, o que ten ocasionado un “gran malestar” no sector. Así o demostran as dimisións en bloque dos equipos directivos de diversos centros educativos, as queixas de pais e nais ou as manifestacións contra os recortes no profesorado, logo de constatar a “clara vontade de non avanzar na mellora do colectivo docente” por parte da Xunta.
Luis Álvarez instou ao propio presidente da Xunta a demostrar que “está á altura do cargo que representa” e acepte as propostas que os socialistas galegos van presentar aos próximos orzamentos da Xunta para “blindar e mellorar a prestación de servizos públicos” en Galicia. Aludiu así á situación do ensino, pero tamén á necesaria e urxente “reforma a fondo” da Atención Primaria e do sistema de residencias da terceira idade.
O portavoz do Grupo Socialista lembrou que a Xunta ten “camuflado” o déficit de prazas de residencias por canto deixan fora do sistema informático 10.000 solicitudes de residencia, que “existen na realidade, pero non existen para a Xunta de Galicia”. Reclamou ademais que os próximos orzamentos da Xunta dupliquen o investimento en I+D+i, impulsen un plan de retención de talento e axilizar proxectos que avancen na autosuficiencia enerxética.
Plan Estratéxico de Galicia
Luis Álvarez asegurou que os socialistas galegos “tomámonos moi en serio o Plan Estratéxico de Galicia 2022 – 2030” que será debatido no Pleno que comeza mañá, máis alá que o propio goberno galego, que elaborou un documento que debera ser clave para a planificación económica de Galicia sen ter en conta nin os efectos da pandemia nin o impacto da invasión de Ucraína.
Anunciou que os socialistas galegos presentaron ata 182 propostas de resolución ao documento, moi por riba dos outros dous grupos parlamentarios, e advertiu que foron presentadas “non por cuestión de cantidade, senón porque o documento adoece de deficiencias importantísimas”. Subliñou que o PSdeG é “un partido responsable, de goberno, e por iso aspiramos a que o plan estratéxico inclúa as nosas propostas e que dea resposta ás necesidades de Galicia”.