O secretario xeral do PSdeG subliñou o papel central desempeñado polos socialistas na construción e desenvolvemento do autogoberno
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, esixiulle hoxe ao goberno galego “que exerza as súas competencias” na xestión dun recurso tan esencial como é a auga, e que ante este período de seca habilite unha liña específica de axudas para que concellos, particulares e empresas poidan acometer obras hidráulicas de urxencia.
Durante unha visita ao municipio lucense de Sober, onde participou na Festa da Rosca, Formoso sinalou que “non pode ser” que ante calquera problema que afecta ao territorio galego a Xunta se poña de perfil. Denunciou que “cando hai incendios” se lle bote a culpa aos concellos “que non contratan brigadas”, e cando sexan responsabilizados tamén da falta de socorristas porque os concellos “non pagan o suficiente”, cando o problema foi xerado pola Xunta.
Coa seca ocorre algo parecido, sinalou o líder socialista, pois o goberno autonómico cárgalle a culpa aos concellos “que non fan ben os abastecementos”, dixo. Pediulle ao executivo galego que saia desa “realidade paralela” na que está instalado e exerza as competencias que ten na xestión do recurso, pois non pode ser que o seu papel se limite a cobrar o canon de saneamento ou o canon hidráulico polos pozos do rural, “e cando veñen mal dadas dicir que non ten competencias”.
Formoso puxo por diante que o feito de que haxa seca “non é culpa de Alfonso Rueda”, como tampouco o é “do goberno de Galicia nin do de España”, pero advertiu de que “quen ten a capacidade e os recursos técnicos, económicos e humanos” para facer fronte as obra de mellora das infraestruturas de reconexión da rede, de abastecemento ou de busca e captación de auga “é a Xunta de Galicia”.
É por iso que o número un dos socialistas galegos pediulle tanto á Xunta que, no ámbito competencial que lle corresponde, como ao goberno do Estado, no da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que habiliten liñas de axudas “que permitan a concellos, particulares, comunidades de regadores e empresas” poidan facer obras hidráulicas urxentes para superar estes meses de seca.
Insistiu Formoso en que hai varios concellos que están “en alerta” pola seca, e son moitos os que poden entrar en breve na mesma situación de emerxencia, polo que chamou ao goberno galego a “actuar” porque a Xunta “ten as competencias e ten a obriga co pobo de Galicia”.