Julio Torrado advirte ao goberno galego que a proposta ofrece “dúbidas de carácter legal” e insiste en apostar pola estabilidade e os contratos dignos para os profesionais
O portavoz de sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, cualificou hoxe de “ocorrencias dunha consellería aturdida” que os MIR do último ano de formación poidan asumir tarefas e responsabilidades en materia sanitarios sen un titor ao cargo, e advertiu incluso que a proposta presenta “dúbidas de carácter legal”.
En declaracións ao medios de comunicación, Torrado valorou a situación “dramática” que se está a dar este verán nos centros de saúde e nos PAC, especialmente nos das zonas costeiras e turísticas, que “non teñen profesionais na fin de semana” ou onde o cadro de persoal “non chegan nin ao mínimo” para poder ofrecer unha asistencia sanitaria de calidade.
O deputado socialista emprazou ao goberno galego a que enfronte esta situación “tomando decisións serias” e non aportando solucións “que en realidade son ideas de bombeiro”, como a proposta de habilitar aos MIR do último ano de formación para que asuman responsabilidades e gardas nos PAC, da que dixo está sendo “discutida cada vez por un colectivo distinto”, empezando polo Consello Galego de Colexios Médicos e os propios MIR.
Lembrou Julio Torrado que os MIR “persoal en formación”, asi que existen “moitísimas dúbidas de carácter legal” para que poidan traballar a pleno rendemento e asumindo a plena responsabilidade das decisión sen un titor ao cargo. Entende, polo tanto, que o goberno galego debe “afrontar a realidade” con decisións solventes que pasan “pola estabilidade laboral e os contratos dignos para os sanitarios”, como está a facer o goberno de España con medidas que a Xunta esta “intentando boicotear”.
Tamén conveu o portavoz de sanidade do Grupo Parlamentario do PSdeG que Galicia necesita mais profesionais, “pero esa é unha medida a longo prazo que o goberno de España está afrontando coa convocatoria MIR máis grande da historia”. Mentres, e ata que eses profesionais se poidan incorporar aos centros de saúde e aos hospitais, Galicia necesitan que se adopten outro tipo de decisións.
Entre esas decisións enumerou Torrado a contratación de profesionais de enfermería, xa que Galicia “ten unha das peores ratios de enfermería de España”, e a incorporación destes profesionais podería resolver moitos traballos que fan os médicos.
Tamén aludiu á incorporación de profesionais doutras categorías, como podoloxía, ou ao reforzo dos servizos de fisioterapia, en liña co que están a facer outras comunidades autónomas, pois así contribuiríase a mellorar a atención primaria e a rebaixar as longas esperas que están a ter os pacientes, de ata 10 ou 15 días, para ser atendidos polo seu médico de cabeceira.