Ángel Mato, secretario de Política Industrial dos socialistas galegos, advirte que a imposibilidade de cumprir cos prazos do PERTE non pode deixar ao grupo fóra das axudas
O PSdeG-PSOE mostra a súa satisfación polo “diálogo frutífero” que manteñen o goberno de España e o grupo Stellantis para apostar de maneira decidida polo futuro da automoción e pola concepción dun novo marco de apoio a unha industria estratéxica para Vigo e Galicia.
O secretario de Política Industrial e Transición Enerxética da dirección do PSdeG, Ángel Mato, aplaudiu o “achegamento de posturas” entre ámbalas partes para abordar novas liñas de apoio á industria da automoción, e máis concretamente ao grupo Stellantis, “incluso fóra do marco temporal previsto inicialmente nos proxectos estratéxicos previstos polos fondos Next Generation”.
“A imposibilidade de Stellantis de non poder cumprir cos prazos previstos” nos PERTE e facer os investimentos precisos “non debe ser un impedimento para acceder ás axudas, aínda que sexan doutra natureza”, sinalou Ángel Mato, que apuntou tamén que estes foron os termos da demanda trasladada polo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, ao goberno de Pedro Sánchez.
O responsable de Política Industrial do PSdeG subliñou que a planta de Stellantis de Vigo ten “unha importancia capital” non só para o tecido industrial galego, senón tamén para o do conxunto de España, e entende que iso ningún goberno pode pasalo por alto.
“Sabemos que a ministra Reyes Maroto vai buscar fórmulas e encaixe fóra do marco actual dos fondos Next Generation”, apuntou Mato, para satisfacer as demandas de Stellantis. De todos os xeitos, o tamén alcalde de Ferrol recalcou que dende o PSdeG “seguiremos con atención” as negociacións con Stellantis para que a automoción continúe a ser un dos motores da economía galega.