Julio Torrado traslada o apoio do socialistas galegos ás persoas afectadas polos incendios e aos traballadores do servizo de extinción
Advirte ao goberno galego “desbordado, rendido e derrotado” fronte á “situación da sanidade” no verán
O viceportavoz do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamou hoxe máis medios para a loita contra os incendios forestais cando xa levan 9.000 hectáreas calcinadas, incluíndo 15 vivendas, e máis de medio millar de persoas desprazadas. O responsable socialista urxiu á Xunta a acadar un acordo de país para reformular o modelo de loita contra os incendios e implantar un “servizo único, profesionalizado e plenamente equipado”.
Torrado sinalou que “a prioridade é acabar co lume”, á marxe da loita partidaria, diante da “desesperante” situación que “se repite ano tras ano” sen que o goberno galego reforce e reformule a estratexia, deixando aos brigadistas “con medios e recursos xustos” e coa poboación resignada porque “cada certo tempo toca”. Urxiu ao goberno galego a “sentarse a dialogar e escoitar propostas” que xa ten feito o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso.
Criticou que a Xunta “segue sen tomar nota” e advertiu un Executivo “máis preocupado en buscar escusas que de buscar solucións” para os problemas máis graves de Galicia”. Sinalou a lentitude na posta en marcha dos recursos no sur de Lugo, que non chegaron ata o fin de semana, cando tiñan detectado os conatos de incendio xa na semana pasada.
O parlamentario socialista rematou recoñecendo o traballo dos brigadistas que se están a xogar a vida como cada ano para salvar as vidas e os bens das persoas que de novo volven sufrir os ataques dos lumes forestais en Galicia.
Sanidade
Torrado sinalou a “situación crítica” da sanidade galega, cun goberno da Xunta “desbordado, rendido e derrotado”, absolutamente “incapaz de darlle solución” á falla de recursos sanitarios coa chegada do verán. Esixiu a “reformulación do sistema sanitario” para incrementar o número de profesionais, mellorando as súas condicións laborais e que poidan, en definitiva, “traballar mellor e dimensionar mellor o servizo”.
Lamentou que o goberno galego se teña demostrado “eficaz tan só para dar escusas” cando “non hai márketing que tape isto”, cando a Atención Primaria está desbordada, os neonatos de Ourense teñen que desprazarse a outra provincia pola falla de pediatras, ou a situación límite en Medicina Interna de Ourense ou Santiago.
Puxo como exemplo o Salnés, unha comarca que no verán pasa a ser o terceiro núcleo de poboación, e que esta fin de semana tivo un festival que acolleu máis de 7.000 persoas en Vilagarcía “sen que nos PACs da comarca houbera un só médico”. Unha situación que non dan resolto nin coas ofertas de pisos para médicos de Sanxenxo, que “non poden ir ao PAC, só ao Centro de Saúde e só poden vir da privada de fora de Galicia”, segundo o convenio da Xunta.