O secretario xeral do PSdeG reivindica “apostas claras pola sensibilidade e o compromiso coa xente” e “non eliminar as axudas para quen ten máis dificultades”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, cualificou hoxe de “insensible e irresponsable” ao presidente da Xunta por ter retirado a tarxeta básica para alimentos básicos e medicinas e cambiala por axudas para acceso a internet e bicicletas eléctricas. Así o dixo en Vigo antes de participar na entrega de medallas do Círculo de Empresarios de Galicia.
O responsable socialista lamentou a “falla de sensiblidade” amosada polo presidente da Xunta cos “concidadáns que o están a pasar francamente mal, que teñen que afrontar a suba de prezos do transporte, do combustible e dos alimentos que os están a superar”.
Afeoulle que teña “respondido a quen ten dificultade na compra de alimentos coa gratuidade nun bono de Internet”, e a quen ten “dificultades para garantirse o transporte para chegar ao seu posto de traballo cada día lles diga que lles vai ofrecer comprar unha bicicleta eléctrica”.
Subliñou que “o país necesita apostas claras pola sensibilidade e o compromiso coa xente, e polo tanto non eliminar a tarxeta básica por parte da Xunta” para “quen ten máis dificultades para conseguir alimentos e as medicinas máis básicas”. Engadiu que “tampouco podemos deixar de lago e non habilitar liñas de axuda a aqueles que necesitan desprazarse diariamente para chegar ao seu posto de traballo”.
A liña tomada polo presidente da Xunta, dixo, vai na liña contraria a “esa mínima sensibilidade” cos galegos e as galegas, así como “contra a liña de axudas que o goberno do Estado está a poñer enriba da mesa para estes colectivos”.
Sinalou as medidas de protección social anunciadas polo goberno de España, que pasan por baixar o IVE da electricidade, topar o prezo do gas, baixar os impostos especiais á electricidade, a rebaixa de 2 céntimos no combustible, a gratuidade do bono transporte ou habilitar máis recursos para as bolsas dos universitarios.