Apunta que a Xunta quere aumentar a recadación en 50 millóns impoñendo tres novas taxas sobre a auga
A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodriguez Rumbo, denunciou hoxe que a Xunta cargaralle sobre a cidadanía os custes da Lei do Ciclo Integral da Auga. A responsable socialista replicou hoxe ás declaracións do PP de onte lembrando que a nova Lei incorporará 3 novas taxas ou canons cos que prevé aumentar a recadación en 50 millóns de euros.
“A Xunta de Galicia invita, pero imos ser a cidadanía os que paguemos” o incremento da recadación pola Lei do Ciclo Integral da Auga, dixo. A responsable socialista subliñou que “aos socialistas e á cidadanía danos igual como queiran chamar aos novos impostos, o certo é que tódolos galegos e as galegas vamos ter que pagar para compensar os custes de depuración e de saneamento para cumprir co ciclo integral da auga”.
Sinalou que a nova lei suporá cobrarlle a cada familia galega un 61,6 por cento máis por metro cúbico de auga consumida e tratada. En concreto, tras a análise dun total de 74 ordenanzas fiscais de 74 concellos galegos a conclusión é que “se vai producir un incremento de 33 euros por metro cúbico en cada municipio”.
Explicou que, ademais de ter que asumir de forma directa as novas taxas, o goberno galego prevé descargar sobre os concellos a maior parte do custe das infraestruturas, mentres a Xunta se reserva a capacidade inspectora e sancionadora. Así, “o goberno galego inspecciona e decide onde construír, pero tan só asume unha terceira parte do custe da obra”.
O resto do custe, dixo, terá que ser asumidos polos concellos, que abonarán directamente unha terceira parte, ao tempo que serán responsables de atopar o financiamento necesario para pagar o último terzo da obra.