O líder dos socialistas galegos clausura en Santiago unha xornada sobre Enerxía Eólica Sostible
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, apostou hoxe por un modelo de enerxía eólica respectuoso co patrimonio e co medio ambiente e que repercuta nos ingresos do territorio. Formoso clausurou a xornada sobre Enerxía Eólica Sostible, na que defendeu un sistema “que permita financiar garderías, escolas ou residencias e atenda ás necesidades enerxéticas das industrias” fundamentais para Galicia.
O líder dos socialistas galegos sinalou que Galicia conta coas condicións idóneas para liderar o desenvolvemento de enerxías renovables, sinaladamente a eólica. Defendeu un modelo corresponsable co territorio que supere a “especulación pura e dura” do PP e o dun BNG radicalmente “en contra dos eólicos” porque, sinalou, “nos gustaría saber onde están apoiando un só parque”.
Explicou que “este país ten que cadrar as contas” e para iso, dixo, “ou nos endebedamos ou xeramos recursos propios, que se chaman enerxías limpas, pero implantadas de maneira intelixente para que o sistema teña recursos”. Sinalou que “ninguén discutiría un parque a 2 quilómetros de onde financie unha escola infantil, unha residencia de maiores, un centro de día ou unha escola pública”.
Reivindicou un modelo eólico que garanta a presenza pública como mínimo nos parques estratéxicos, e que garantan vincular estas infraestruturas ás industrias fundamentais, e que permitirían a continuidade de Alcoa vinculada a 4 parques eólicos que garantan un prezo estable. Sinalou que “como vamos mirarlles á cara aos traballadores e dicirlles que estamos en contra dunha solución que non emite CO2 e que é compartida pola UE”.
Defendeu a “visión do PSdeG” centrada en “dicirlle ás empresas de tu a tu que teñen que facer negocio respectando á cidadanía”, e apostou por “sentarnos na mesa e discutir o modelo a implantar” e rexeitou “modelos especulativos xestionados dende o Paseo da Castellana”.
Formoso explicou que “nos toca facer pedagoxía, liderar e dicirlle a cada empresa que as que veñen aportar son benvidas, pero que se queren especular se vaian a outro territorio do Estado” e ironizou con “poñer un cartel en Pedrafita de Especuladores Non Pasar”.
Anunciou que “xa estamos en interlocución coas empresas e coa patronal” para que “saiban que en Galicia serán benvidas as que teñan esa visión, que queiran participar dos servizos públicos permitindo a presenza dos concellos no 10 por cento do accionariado”. Defendeu un modelo que “xa está a facer en Galicia algún alcalde visionario” de permitir a presenza de parques eólicos “financiando o concello ata que o parque estea amortizado”.
Chamou a “non deixarnos arrastrar polo populismo, pola posición cómoda de dicirlle á xente enfadada o que quere oír” e “facer pedagoxía” para “soñar e liderar os avances desta sociedade sen agardar nada dos que viven da especulación nin dos que dicían que a autovía era unha navallada ou que a alta velocidade desestruturaba”.
Explicou que Galicia ten capacidade para ser unha Comunidade Autónoma “autosuficiente” en materia enerxética, xa que o ano pasado produciu 30 MWH, sendo a cuarta do Estado, e consumiu apenas 17. Defendeu este sector como a gran oportunidade de desenvolvemento desta Comunidade Autónoma.
Contrapuxo este proxecto co modelo do PP, que supuxo a perda de 60.000 postos de traballo na industria en 8 anos por canto aposta “unicamente polo Camiño de Santiago”. Apuntillou que “está moi ben, é unha gran idea, pero non pode ser a única oferta que lle fagamos aos nosos científicos e titulados universitarios, que cando rematan os estudos están pensando noutro territorio para marchar”.
Xornada
O líder dos socialistas galegos interveu en Santiago na clausura da Xornada dirixida a persoas propietarias de terreos eólicos e representantes municipais, na que tamén tomou a palabra o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García. García advertiu que as explotacións gandeiras “van ter á produción de enerxía como unha necesidade importante para xerar ingresos” nun horizonte de 15 anos.
Sinalou que “é moi difícil que calquera organización poida cuestionar este Pacto por unha Enerxía Eólica Sostible para Galicia”, liderado polo PSdeG e asinado por UU.AA., UGT, CC.OO., Fademur e Ventonoso. Apuntou que “vai ser difícil que se poñan de acordo para dicir que a eólica é un problema e non unha oportunidade”, aínda que, advertiu, “haberá parques eólicos aos que nos vamos opoñer con uñas e dentes”.
A xornada foi aberta pola secretaria de Desenvolvemento Rural do PSdeG, Rosa Arcos, que deu paso a unha mesa coloquio na que interveu, entre outros, o eurodeputado galego Nicolás González Casares. Sinalou que “non pode haber polígonos industriais sen desenvolvemento eólico”, e defendeu “facilitarlle á industria que reciba esa enerxía limpa alí mesmo onde estea ubicada”.
A mesa contou tamén coa participación da viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, que defendeu o Pacto eólico liderado polos socialistas galegos, fronte a un PP que “sempre confronta” e un BNG que “ponse detrás da pancarta e di que non a todo, independentemente do valor estratéxico que poidan ter os proxectos”.
A mesa contou coa participación do secretario de Industria do PSdeG, Ángel Mato, a alcaldesa de Trabada, Mayra García, o secretario de Coordinación Sectorial de UU.AA., Félix Porto, e o presidente da Asociación Ventonoso, José Antonio Diéguez.