O voceiro parlamentario socialista urxe á Xunta estabilidade e mellores condicións laborais para os profesionais médicos ante “o colapso sanitario, a falla de planificación e a nefasta xestión do Sergas”
O voceiro parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, urxiu hoxe á Xunta estabilidade e mellores condiciones laborais para as e os profesionais médicos de Galicia ante “o colapso sanitario, a falla de planificación e a nefasta xestión do Sergas”.
“É unha cuestión de vontade política”, apelou Álvarez ao presidente da Xunta durante a sesión de control no pleno do Parlamento galego, onde instou ao Executivo autonómico a que orzamente 140 millóns de euros adicionais en Atención Primaria nos vindeiros orzamentos para paliar o problema “estrutural” que vive a sanidade pública galega e contratar así novos médicos e médicas.
Neste marco, o dirixente socialista propuxo ao goberno galego que contrate aos 241 médicos e médicas que foron admitidos na última Oferta Pública de Emprego (OPE) do Sergas, pero non conseguirán praza, xa que o Executivo autonómico só convocou 106 prazas de médico ou médica da especialidade de medicina familiar.
“Sabemos que as condicións laborais que oferta o Sergas son peores que noutras comunidades autónomas”, denunciou Álvarez, quen lembrou que Galicia é a terceira comunidade con menos persoal médico por habitante de España e, de feito, “para achegarnos á media estatal, precisaríamos contratar a 821 profesionais” en Galicia.
“A solución é sinxela”, reivindicou, “ofreza contratos estables e dignos e comezará a ver solucións” como fai Castela A Mancha, exemplificou, que ofrece contratos de catro anos aos MIR cando rematan a súa formación.
“O PROBLEMA XA NON É ECONÓMICO, É MÁIS GORDO”
Con todo, o portavoz do PSdeG na Cámara galega puxo en evidencia a “pésima e horrorosa” planificación de recursos humanos do Sergas cunha compilación de noticias e entrevistas de profesionais e entidades “queixándose da sanidade pública galega” en medios de comunicación durante as dúas últimas semanas.
Os médicos e médicas galegos constatan, incidiu, que “o problema xa non é económico, é máis gordo” cando buscan “condicións adecuadas” e denuncian a “falla de previsión e improvisación” do Sergas, unha situación que “vimos arrastrándo dende hai anos”.
Por último, Álvarez subscribiu as palabras das entidades que sinalan que os pluses para os profesionais “son paliativos”, xa que a administración “vai pagar máis por acumular máis enfermos” en “axendas sobrecargadas”, o que implica “pagar máis por traballar peor”.