O líder dos socialistas galegos empraza a PP e BNG a abrir unha mesa de diálogo e avoga por dotar a Galicia de novas ferramentas normativas, como o decreto lei, para dar resposta áxil e flexible aos retos do actual e complexo escenario económico
Formoso mantivo esta mañá unha reunión coa secretaria xeral de CC.OO., quen puxo de relevo as novas medidas anticrise do goberno do Estado e instou a Xunta a complementalas tras non ter adoptado ningunha
O secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, reclamou hoxe a apertura dunha mesa de diálogo que permita abordar “unha reforma do Estatuto de Autonomía máis que necesaria”. Fíxoo tras poñer en evidencia os 13 anos de “inmobilismo e parálise” do PP, nos que Galicia saíu “prexudicada” ao non acadar ningunha nova competencia por parte do Estado, porque “dende a Xunta nunca se lle demandou”.
Valentín González Formoso realizou estas declaracións tras manter un encontro con representantes da executiva de CC.OO., coa súa secretaria xeral, Amelia Pérez, á fronte, e antes de participar no acto de conmemoración do 86 Aniversario do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia, organizado polo PSdeG no Panteón dos Galegos Ilustres.
Así, tras analizar a necesidade de que o goberno galego “siga a ruta marcada polo Estado” á hora de adoptar medidas para dar resposta ao actual escenario de inflación, o líder dos socialistas galegos avogou por que o noso marco estatutario recolla unha carta de dereitos cidadáns e incorpore novas ferramentas normativas, como o decreto lei, que si poden empregar outras comunidades autónomas, pero non Galicia. Incidiu en que este mecanismo permitiría, por exemplo, afrontar a actual carestía dos prezos dos combustibles e dar resposta “con flexibilidade e axilidade” ao escenario económico “complexo” que estamos a sufrir.
Por iso, coincidindo ademais con 86 aniversario do estatuto do 36, Formoso emprazou a PP e BNG “a que nos sentemos a debater de forma consensuada e serena, pero con determinación e convicción por un país que ten identidade propia e que precisa os mesmos mecanismos que teñen outros territorios para competir no actual escenario económico”. “Esa será”, concluíu, “a forma máis áxil e intelixente de dar resposta ás necesidades deste país”.
En calquera caso, logo de lembrar que Galicia e Euskadi son as dúas únicas autonomías que aínda sofren “un estatuto de primeira xeración”, o que “lesiona” os intereses dos galegos e galegas, Formoso explicou que o diálogo para a súa reforma non debe centrarse na transferencia dunha competencia illada, senón que debe facerse de forma “profunda e consensuada” e “con espírito construtivo e de futuro que nos permita acadar como mínimo a capacidade que teñen outros territorios históricos do país para defender os seus intereses”.
REUNIÓN CON CC.OO.
No encontro coa executiva de CC.OO., Valentín González Formoso subliñou a necesidade de que a Xunta debe ser “valente” e “consciente” da actual situación e siga a ruta marcada polo goberno do Estado. Por tanto, debe “poñer medidas enriba da mesa unha serie de medidas que permitan aliviar a carga que sofren as familias e o tecido produtivo de Galicia”.
Nesta liña puxo especial énfase na “incerteza” que “pon en tea de xuízo a viabilidade de moitas empresas galegas”, sobre todo en sectores que forman parte da columna vertebral da economía como a industria, a gandería, a pesca. Tamén incidiu na necesidade de reforzo de políticas no ámbito da protección social, cunha “inxección económica por parte das administracións competentes para garantir a súa viabilidade e a prestación do servizos ás persoas que máis o requiren”.
Pola súa banda, a secretaria xeral de CC.OO. Galicia, Amelia Pérez, coincidiu en que é imprescindible que ante a situación de desindustrailización de Galicia se adopten “políticas valentes que garantan a transición que sexa xusta, social e sostible”. E sobre todo “que garanta que non deixemos a ninguén descolgado do futuro”. Nesta liña puxo en valor as novas medidas presentadas o sábado polo goberno de Pedro Sánchez, que recollen algunhas das cuestións “que levamos tempo demandando, como a intervención nos beneficios das enerxéticas e outras en materia fiscal”.
Estas medidas, dixo, “teñan que complementarse por parte da Xunta, que ata o de agora non adoptou ningunha medida consistente que axude aos milleiros de familias e pequenas e medianas empresas que están vendo as súa costuras rotas polo incremento de prezos”. “Non vale botar balóns fóra”, advertiu, senón que “teñen que exerceer a súa responsabilidade”.
Tras alertar tamén da situación primaria ou dos recortes de profesorado en educación, Amelia Pérez concluíu demandando que “todas as administracións se coordinen e tomen medidas valentes, porque os tempos o requiren”.