A parlamentaria socialista Ana Prieto vén de rexistrar no Congreso dos Deputados unha Proposición non de Lei relativa a estudar os efectos que ten o deporte de alto nivel para a saúde das mulleres.
A iniciativa ten como obxectivo, explica a parlamentaria luguesa, afondar no estudo da saúde das deportistas de alto nivel e alto rendemento, impulsando a colaboración entre a Axencia Española de Protección da Saúde no deporte e o Observatorio da Saúde das Mulleres, que depende do Ministerio de Sanidade.
A raíz dos resultados que se obteñan dese estudo, a Proposición non de Lei propón establecer protocolos e medidas acaídas para concienciar sobre os riscos específicos de saúde que sufren este tipo de deportistas, como por exemplo o impacto na menstruación ou o síndrome coñecido como RED-S, entre outros, para poder previr posibles afectacións.
Ademáis, insiste na inclusión da perspectiva de xénero na futura Lei do Deporte como elemento transversal, con especial atención á saúde das mulleres deportistas de alto nivel e alto rendemento.
A parlamentaria por Barcelona e tamén promotora da Proposición non de Lei, Sònia Guerra, explicou que “é necesario que afondemos no impacto que o deporte de alto rendemento ten na saúde das mulleres. Sobre todo, na súa saúde sexual e reprodutiva”.
“Neste sentido, estudos como os da deportista de alto rendemento e investigadora Claudia Sabata son fundamentais para evitar que a práctica deportiva se convirta nunha actividade prexudicial. Por iso, para o grupo parlamentario socialista é imprescindible que, como tódalas leis, a Lei do Deporte teña perspectiva feminista”, engadiu.