O secretario xeral do PSdeG convida ao presidente da Xunta a visitar os hospitais galegos para comprobar que se trata dun problema estrutural tras anos de recortes por parte do PP e o goberno galego
Pídelle “seriedade” ao presidente da Xunta ante a súa proposta de instalar gasolineiras low cost como medida para abaratar o prezo dos combustibles
O líder dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, amosouse esta mañá “sorprendido” polas declaracións do presidente da Xunta nas que asegurou que a saturación do sistema sanitario galego é algo ocasional e puntual. “Recomendaríalle”, dixo, “que visite os hospitais galegos e as áreas sanitarias para que comprobe a realidade do colapso que están a padecer”.
En concreto, Formoso convidou a Rueda a falar cos doentes “que están nos corredores de urxencias esperando que lle asignen unha habitación” ou cos usuarios da sanidade pública “que levan esperando dende hai meses a que un especialista lle ofreza un diagnóstico que lle permita saber se ten posibilidades de vivir ou non”.
Tras advertir de que “falamos dunha situación francamente grave”, Valentín González Formoso lembrou que o PSdeG xa lle ofreceu axuda ao presidente da Xunta para “falar de país” e buscar solucións a un asunto que lles preocupa aos galegos e galegas. Con ese obxectivo, insistiu na necesidade de “priorizar” e “incrementar os orzamentos para sanidade cambiando partidas onde todos nos poñamos de acordo”.
“É un asunto”, subliñou, “no que, aínda que teñamos que renunciar a outros gastos, o máis importante é que o sistema sanitario responda e funcione cunha eficiencia e unha calidade mínima, que é a que esixen os galegos e as galegas”.
Por outra banda, Formoso tamén lle reclamou “seriedade” ao presidente da Xunta ante a súa proposta de instalar gasolineiras low cost como medida para abaratar o prezo dos combustibles. O líder dos socialistas galegos asegurou que “non ten sentido delegar as responsabilidades dun goberno en axentes privados para que resolvan unha situación tan crítica”. Moito menos, engadiu, cando “hai sectores como o da pesca o da agricultura ou o do transporte que están postrados ante a realidade da alza de prezos dos combustibles”.
Por iso, insistiu en que “chega o momento de que a Xunta faga o que fixemos outras institucións: un esforzo orzamentario para poñer en tempo récord, en 7 horas, a disposición deses colectivos unha cantidade económica que lles permita seguir funcionando en prol do país”.
Neste contexto, lembrou que a Xunta está a recibir cada ano 550 millóns de euros do Estado polo recadación do imposto de hidrocarburos. Pídelle ao goberno galego que destine a metade, 250 millóns de euros, para habilitar axudas directas aos sectores máis prexudicados pola alza dos combustibles. Desa maneira, favoreceríase “a toda a sociedade en xeral”, pero sobre todo “a aqueles sectores poden facer que a sociedade e a economía sufran en caso de que paren”.