César Mogo lamenta que o BNG decidise quedar fóra deste gran acordo para facilitar o voto de milleiros de galegos e galegas que están na emigración
O coordinador dos representantes do PSdeG no Congreso e no Senado, César Mogo, amosou hoxe a súa satisfacción pola eliminación do voto rogado para os residentes no exterior, que foi aprobada hoxe no Congreso a proposta do Partido Socialista.
Esta reforma, que se fixo “atendendo e entendendo o que nos dixeron dende a emigración”, permite eliminar as trabas burocráticas á que estaban sometidos os emigrantes para poder exercer o seu dereito ao voto e, en consecuencia, “corrixir un erro que a política cometeu hai anos”. “Dende hoxe”, proclamou César Mogo, “volvemos a ser todos iguais, como non podía ser doutro xeito”.
Mogo sinalou que a supresión do voto rogado vai permitir que se melloren as condicións para facilitar o voto dos emigrantes, con -entre outras medidas- máis centros para poder exercer este dereito, coa ampliación de prazos para poder votar ou coa opción de poder descargar da web do INE as papeletas de voto. Tamén salientou as garantías que achega para que “ninguén poida meter nunca a man na vontade dos galegos e galegas” á hora de decidir a quen queren amosar o seu apoio nunhas eleccións.
“Estamos”, dixo, “ante unha reforma que conleva mellores evidentes é que é moi importante para milleiros de paisanos que viven fóra”. “É o que lles debíamos e o que cumprimos hoxe”, eloxiou.
En calquera caso, César Mogo lamentou que houbese algunha forza política, como o BNG, que decidise “quedar fóra deste gran acordo que puxemos enriba da mesa os socialistas”. Criticou que “coa súa abstención, os nacionalistas galegos dixeron que non a que o voto rogado desaparecese, a que se eliminasen as condicións adicionais que se lles poñían aos nosos emigrantes e a que se lles facilitase, en definitiva, o dereito ao voto”.
Fronte a esta postura, salientou que “o PSOE cumpriu cunha débeda que tiña cos residentes no exterior nun exercicio de coherencia e sumamos a moitos outros grupos a esta proposta”. Grazas a iso, “estamos ante un dereito conquistado para todos os galegos e galegas residentes no exterior”. “Que o desfruten”, concluíu.