Incidiu en que “Galicia gañará o futuro cando invista máis cartos en medio ambiente e ordenación forestal que en apagar incendios”
O líder dos socialistas galegos participou hoxe, xunto con alcaldes de representantes do PSdeG, nunha andaina polas Fragas do Eume para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, comprometeu hoxe a aposta clara e decidida dos socialistas galegos por impulsar “o enorme potencial de Galicia no eido da economía verde”. O obxectivo, afirmou, é situar ao noso país como referente neste ámbito a nivel estatal e tamén europeo.
Así o indicou esta mañá, na Fragas do Eume, no Día Mundial do Medio Ambiente. Co gallo desta conmemoración, Formoso participou nunha andaina por este parque natural xunto co secretario xeral provincial, Bernardo Fernández; alcaldes e representantes socialistas na bisbarra. Alí aproveitou para sinalar que Galicia ten moitos deberes pendentes nesta materia despois do “aletargamento” que deixan os 13 anos de goberno do Partido Popular.
Nesta liña advertiu de cifras e datos “preocupantes”. Así, sinalou que con máis de 2 millóns de hectáreas de bosques e montes, Galicia é unha das comunidades con máis superficie forestal de España. Malia isto, tan só o 12 por cento da superficie forestal galega está ordenada, moi por debaixo da media española, que se sitúa no 20%. A maiores, incidiu en que tamén estamos á cola do Estado en superficie forestal protexida.
Galicia segue a gastar máis en apagar incendios que en ordenar o monte
Por iso, tras lamentar que sigamos “a gastar moitos máis cartos e recursos en apagar incendios que en ordenar o monte”, Formoso proclamou que “Galicia gañará o futuro cando invista máis diñeiro en medio ambiente e ordenación forestal que en extinción de lumes”.
Neste contexto, o secretario xeral dos socialistas galegos indicou que “o sistema require que nos poñamos mans á tarefa”. Incidiu na necesidade de tomar consciencia da enorme potencialidade de recursos cos que conta Galicia no ámbito das enerxías renovables, no da economía verde ou no da economía circular.
Formoso amosouse así convencido de que Galicia ten a posibilidade de coliderar na UE as políticas encamiñadas a desenvolver estes eidos, xunto cos grandes territorios máis modernos, avanzados e consolidados a nivel europeo. “Creo” concluíu, “que esa é a gran aposta que ten que facer Galicia”.