O líder dos socialistas galegos empraza á Xunta a “saír do aletargamento enerxético” e “asuma as súas competencias” para “poñer os intereses do país por riba de intereses especulativos privados”
José Antonio Gómez -UGT- reclámalle ao goberno galego que se una ao Pacto Eólico impulsado polo PSdeG
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, propuxo hoxe converter o Inega nunha Axencia pública que poida “promover e participar societariamente en proxectos enerxéticos estratéxicos”. Formoso presentou esta proposta logo dun encontro entre as executivas do PSdeG e de UGT-Galicia, na que participou o secretario xeral do sindicato, José Antonio Gómez.
O responsable socialista anunciou esta proposta “para que Galicia lidere os sectores enerxéticos estratéxicos e garanta o subministro das empresas tractoras”, que lle presentará ao presidente da Xunta no encontro previsto para o próximo luns. Explicou que “o goberno galego debe co liderar eses proxectos xunto co sector privado”, para garantir a viabilidade de empresas como Alcoa, Stellantis ou Megasa, citou.
Explicou que o obxectivo é “poñer os intereses do país por riba dos intereses especulativos privados”, para o que urxiu ao goberno galego, e sinaladamente á Consellería de Industria, que “saian do seu aletargamento enerxético”. Reclamoulle ao conselleiro que “deixe de culpar a Bruxelas ou a Madrid, que asuma as súas competencias e poña a traballar ao Inega” garantindo ademais a participación dos concellos.
Este mecanismo precisaría, explicou, da ampliación do artigo 2 dos estatutos do Instituto de Enerxía de Galicia -Inega- para habilitar que Galicia, ao igual que outras comunidades autónomas, puidera impulsar estes proxectos de co participación pública e privada. A reforma do artigo permitiría ademais impulsar o fomento do uso das renovables ou sensibilizar a optimización enerxética no país.
Urxiu ao goberno galego a tomar decisións nun momento especialmente delicado, cunha industria galega lastrada pola parálise do goberno autonómico, unido ao impacto da inflación e da crise provocada pola guerra de Ucraína. Afeoulle ao goberno galego a súa pasividade, que provocou a perda de 50.000 empregos industriais en Galicia dende 2008, coa perda de tecido produtivo industrial pesado.
Chamou a impulsar a perda de peso do sector industrial , que “ten que ver coa produción de enerxía nun país que cada vez é menos excedentario a nivel enerxético pola pasividade da Xunta, a falla de pedagoxía e ausencia dun modelo enerxético vencellado ao respecto ao territorio”.
Pacto eólico
O secretario xeral do UGT Galicia, José Antonio Gómez, chamou á Xunta a unirse ao pacto eólico impulsado polo PSdeG para axudar ás “industrias emblemáticas do país que están pagando moi duramente as consecuencias da crise enerxética”. Sinalou que Galicia “necesita do pacto pola industria vencellado ao sector eólico -promovido por Formoso-, que ten que ser estratéxico e que necesita dun consenso de país”.
Lembrou que o pacto eólico proposto polo PSdeG e asinado entre outros tamén por UGT – Galicia, “recolle uns puntos estratéxicos claros e claves”. Esta iniciativa dálle resposta ás mobilizacións no rural contra os proxectos eólicos impostos polo goberno galego, explicou, que “teñen moito que ver coa especulación e que non deixa ningún rendemento” no territorio no que se implantan.
José Antonio Gómez ao goberno galego a “acompañar nese pacto, e a partir de aí traballar xuntos” porque, dixo, “os curtopracismos no levan a ningún lado”, e concluíu que “debéramos chegar a un pacto entre a Xunta e as forzas políticas, concretamente co PSdeG”.
Sanidade
Previamente, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, anunciou que lle plantexará ao presidente da Xunta a urxencia de acadar “acordos urxentes que permitan ao sector sanitario galego volver a respirar”. Alertou da situación da sanidade pública, cos xefes de servizo alertando da debilidade e precariedade dun sistema que precisa de recursos e persoal para ofrecer unha atención de calidade á cidadanía.
O líder dos socialistas galegos sinalou ao colapso das Urxencias, con pacientes agardando 48 horas nos corredores dos hospitais ata que teñen unha habitación asignada, ou os pacientes esperando 14 días para ter un primeiro contacto co seu médico de Atención Primaria. Reclamou incorporar á Lei de Sanidade de Galicia a obriga de contar cun primeiro ditame en 48 horas.
Ademais, emprazou ao goberno galego a tomar nota das leccións aprendidas na pandemia e implantar un sistema de residencias titorizadas dende o sector público que garantan un servizo xusto, de calidade e con seguridade para os usuarios, e que “non volva ocorrer o que estivemos a ver durante o período de pandemia