María Pierres alerta de que Vox emprega os acordos de goberno co PP para “mercantilizar a supresión das leis autonómicas e estatais de igualdade de dereitos deste colectivo”
Javier Carballo cualifica de “burla” a escaseza de orzamentos adicados pola Xunta, apenas un 0,002 por cento do Orzamento, e a paralización da Lei de Dereitos LGTBI
A portavoz da Executiva do PSdeG, María Pierres, e o secretario de Dereitos LGTBI, Javier Carballo, presentaron hoxe en Santiago a campaña “Que non che apaguen a cor”, que poñerán en marcha os socialistas galegos. Pierres sinalou que os dereitos conquistados por este colectivo “non só son insuficientes, senón que están máis en perigo que nunca”.
A responsable socialista explicou que esta campaña constitúe “unha chamada de emerxencia polo que supón da necesaria reclamación do cumprimento dos dereitos dun colectivo altamente discriminado, como é o LGTBI”. Esta reivindicación coincidirá cunha “chamada que pretende ser construtiva e propositiva con medidas e accións que melloren a vida da xente”.
Alertou en primeiro lugar do incremento exponencial dos delitos de odio ocasionados pola orientación sexual e a identidade de xénero, que en 2022 aumentaron nun 70 por cento máis que no ano anterior, ata supor o 26,47 por cento do total de delitos cometidos. Sinalou que esta situación coincide coa “ameaza constante” contra os dereitos destas persoas por parte de “grupos de ultradereita como Vox”.
Acusou a estas opcións políticas de “alimentar os odios e fobias cara o colectivo e negar as súas problemáticas concretas”, mentres “empregan os pactos de goberno co PP para tratar de mercantilizar coa esixencia de supresión de leis autonómicas e estatais en materia de igualdade e de dereitos do colectivo LGTBI”.
Pola contra, presentou aos socialistas como “axente político garante de dereitos”, que lles da “a voz e a defensa que merecen”. Puxo como exemplo a aprobación das leis de matrimonio igualitario en 2005, ou da rectificación rexistral da mención relativa ao sexo en 2007, mentres en Galicia tomaron a iniciativa para elaborar a Lei de igualdade de trato e non discriminación de LGTBI, aprobada finalmente en 2014.
Aquel texto, que se ben “no seu momento foi pioneira e proporcionou un importante instrumento xurídico contra a discriminación baseada na orientación sexual e a identidade de xénero”, actualmente leva “8 anos metida nun caixón” polo goberno do PP. O mesmo PP que, dixo, alenta unha “teoría de feitos consumados para chegar a acordos con manifestos agresores das liberdades e dereitos de boa parte da sociedade”.
Orzamento
O secretario de Dereitos LGTBI, Javier Carballo, cualificou de “incoherente” e de “absoluta burla” que o goberno galego destine apenas 21.000 euros ao colectivo LGTBI, apenas o 0,002 por cento do total de 11.500 millóns de euros de Orzamento do goberno galego. Sinalou que “sen orzamento é imposible levar a cabo unha acción rigorosa” dunha materia que “debe ter orzamento e política propia na estrutura do Executivo”.
Denunciou que o goberno galego se manteña “inerte” diante do incremento dos delitos de odio, e emprazou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a “amosar o seu compromiso e crear unha dirección xeral de Dereitos LGTBI” na nova estrutura organizativa da Xunta. O desleixo do goberno galego, dixo, provoca que hoxe nin sequera haxa estudos nin estatísticas da situación do colectivo en Galicia.
Sinala que mentres a Xunta “evidencia que non lle interesa este tema”, ten que ser o sindicato UGT quen presente sondaxes que evidencian que Galicia é a terceira autonomía con máis discriminación laboral do colectivo LGTBI. A mesma, explicou, onde 9 de cada 10 persas ven necesario agochar a súa orientación sexual, e 6 de cada 10 teñen sufrido algún tipo de agresión LGTBIfóbica no posto de traballo.
Carballo explicou que os socialistas galegos realizarán a campaña “Que non che apaguen a cor” para enlazar o día contra a LGTBIfobia, o pasado 17 de maio, co día do Orgullo LGTBI, o próximo 28 de xuño. A campaña terá como primeiro eixo a difusión de datos para coñecer a realidade da situación do colectivo, que culminará cun foro sectorial sobre a discriminación por orientación sexual no traballo.
O segundo eixo é a presentación dunha serie de mocións nos concellos e dunha iniciativa no Parlamento de Galicia para reclamarlle á Xunta que cumpra coa Lei e constitúa os servizos municipais de mediación e información LGTBI. Cualificou de “irresponsable e inaudito” que esta función se ten derivado “por decretado” aos Centros de Información á Muller, que “deben dedicar tódolos seus esforzos á loita contra a violencia machista”.
Finalmente, a campaña culminará cun acto central onde se dará lectura dun manifesto polo Día do Orgullo LGTBI, que se celebrará nun concello do ámbito rural para trasladar as accións de visibilidade da comunidade LGTBI ao ámbito rural.