O líder dos socialistas galegos reclámalle ao novo presidente da Xunta que centre a acción de goberno no apoio aos sectores estratéxicos e “darlle resposta á xuventude galega, para que vea Galicia como territorio de oportunidades”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, vén de reclamarlle unha primeira xuntanza institucional ao novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para “sentarnos a falar coa tarefa de dotar de dignidade a unha cidade –como Ourense- que a está reclamando dende hai 3 anos”. Así o dixo antes dun xantar en Vigo co Círculo de Empresarios de Galicia.
O responsable socialista reclamoulle ao presidente da Xunta que responda á carta que lle ten enviado hoxe reclamando este encontro e urxe a Rueda a “poñerse mans á obra”. Lamentou o “espectáculo bochornoso” da capital de Ourense, “cun alcalde que non ten un mínimo de institucionalidade, un mínimo de educación nin representa a unha cidade que é absolutamente digna e querida por tódolos galegos e as galegas”.
Dirixiuse ademais ao presidente da Xunta para reclamar “un goberno á altura do país, baseado no talento, no coñecemento e o compromiso cos sectores estratéxicos de Galicia que o están a pasar francamente mal”.
Valentín González Formoso engadiu que “a meta e o obxectivo é darlle resposta á xuventude galega, para que non teña a emigración como unha opción, e que vexa o seu territorio como un territorio de oportunidades”.