Paloma Castro cualifica como “inadmisible e intolerable facer negocio coa sanidade” e pide que se inclúa unha cláusula no convenio de xestión do novo aparcadoiro proxectado para garantir a gratuidade para as persoas usuarias do hospital
O PP rexeitou hoxe ofrecer aparcadoiro gratuíto a persoas usuarias, familiares e persoal do Hospital Gran Montecelo. Fíxoo no Parlamento de Galicia, tras votar en contra dunha proposición non de lei promovida pola deputada socialista Paloma Castro coa que urxía á Xunta a habilitar un aparcadoiro gratuíto que aumente as prazas existentes na contorna do hospital e, a súa vez, a incluír unha cláusula no convenio de xestión do aparcadoiro proxectado para limitar prezos e ofrecer bonos gratuítos a persoas usuarias.
“É inadmisible e intolerable facer negocio coa sanidade”, denunciou a socialista, tras sinalar que o aparcadoiro “é un servizo vinculado estreitamente a unha asistencia sanitaria de calidade”, polo que é necesario que sexa de balde para persoas usuarias, familiares e persoal.
Ás tarifas que terán que abonar as persoas usuarias, alertou, “engadirase o gasto en comida, comprometendo o concepto de sanidade universal, xa que haberá moitas familias con dificultades para afrontar estes custos”. “Hoxe é un bo día para posicionarse, sacar as máscaras e poder aclarar quen está a favor da xestión pública de servizos fundamentais para a cidadanía e quen non” e, apelou, “agora queremos saber a postura do novo PP de Rueda”.
Ante a negativa do PP á petición socialista, a deputada pontevedresa lembrou o acontecido no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. “Mentres o goberno socialista de Vigo vai executar un segundo aparcadoiro gratuíto na contorna do hospital vigués, a Xunta e o conselleiro de Sanidade prefiren facer negocio e deixar que un fondo voitre francés siga xestionando un aparcamento de pago”, lamentou
O GRAN MONTECELO: “TOMADURA DE PELO Á CIDADANÍA E PERSOAL”
En relación ao proxecto do novo hospital, Castro censurou a paralización das obras e lembrou que esta “foi a primeira decisión que adoptou Feijóo en Pontevedra e 13 anos despois márchase aínda coas obras en cueiros”, obras que, lembrou, son financiadas na súa meirande parte polo goberno de España grazas ao Fondo de Compensación Interterritorial.
“Feijóo dixo que un político que promete un hospital e o deixa a deber, debería marcharse, polo que agora entendemos a súa fuxida a Madrid”, sentenciou a socialista, quen cualificou as actuacións con respecto ao proxecto do hospital por parte do Executivo autonómico de “tomadura de pelo a toda a cidadanía e aos profesionais do hospital”.
Porén, lamentou que “o único” que fixo Feijóo neste tempo foi “atrasar unha década” un proxecto “moi necesario” que debería estar rematado en 2021 e, subliñou, “poñerlle o adxectivo ‘gran’ por diante”. “A Feijóo poderíamos pórlle o alcume de ‘o botafumeiro’ porque ninguén o supera no de botar fume”, concluíu.