O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, lamentou hoxe o “panorama desolador” que Feijóo deixa en Galicia logo de 13 anos de redución en prestacións sociais, demografía e de incremento da débeda. O responsable socialista aproveitou a derradeira sesión de control ao presidente da Xunta para facer balance das grandes cifras da etapa de goberno de Feijóo.
Álvarez advertiu que a conclusión desta etapa é que a Atención Primaria ten 1.000 facultativos menos, 814 camas hospitalarias menos, e está en situación de “colapso”, segundo as propias verbas do presidente da Xunta, e con listas de espera “indecentes”. En Educación, dixo, hai 1.400 profesores menos, liquidaron a gratuidade universal dos libros de texto e pecharon máis dun cento de centros e unidades educativas públicas.
Alertou que hoxe hai 694.367 galegos e galegas en risco de pobreza e exclusión social, o que supón que afecta unha de cada catro persoas, mentres hai un déficit de 14.000 prazas en residencias de maiores e “trampea as listas de espera de Dependencia”. Aludiu así a que a Xunta ten “case 10.000 persoas dependentes sen gravar que non aparecen en ningún tipo de estatística”.
Continuou sinalando que Galicia é a última autonomía do Estado na construción de vivenda protexida sobre vivenda construída e, no canto á xuventude, “deixa unha Galicia sen futuro, que non ofrece oportunidades á mocidade”. Explicou que segundo os datos do IGE Feijóo “deixa unha Galicia con 100.000 persoas menos” que en 2009.
A situación non é mellor no ámbito económico, mentres Galicia ten 6.400 millóns de euros de débeda pública máis que en 2009, co que “dous de cada tres euros que debemos os galegos e galegas corresponden á xestión de Feijóo”. Un panorama que se completa coa caída da poboación ocupada, con 60.000 persoas menos, o Índice de Produción Industrial cae un 6,8 por cento mentres no Estado sube un 3,3, un diferencial de 10 puntos, e o IPC é un 1 por cento máis alto.
Luis Álvarez advertiu dos baixos niveis de execución orzamentaria, por canto o goberno galego “deixou sen gastar 12.000 millóns de euros en 13 anos”, o que é o equivalente ao Orzamento completo do ano 2022. Resumiu que “é como se non fixeran nada e pecharan a Comunidade Autónoma a mes de xaneiro”, deixando sen gastar “o equivalente a construír 14 hospitais Álvaro Cunqueiro” nesta etapa.
Medidas fiscais
Criticou que o presidente da Xunta “vaia agora dando leccións de política fiscal” logo de 13 anos de goberno nos que “os datos evidencian que en lugar de facer máis con menos, fixeron menos con máis”. Lembrou que o goberno galego ten capacidade normativa plena sobre 10 figuras impositivas, e concluíu que “resulta que está facendo propostas ao Estado, pero no seu eido normativo nin o máis mínimo atisbo de ningunha das modificacións que propón”.
Sinalou que o presidente da Xunta si que reduciu os impostos de Patrimonio e de sucesións para beneficiar ás maiores rendas, e reclamoulle que elimine a bonificación do Patrimonio para as rendas máis altas. Aludiu a que a Xunta ten competencia ademais sobre os impostos de Transmisións patrimoniais, medios de transporte, o xogo, o IRPF, o IVE, fabricación, hidrocarburos ou electricidade.
Álvarez reclamoulle a Feijóo que desminta diante do Parlamento que “dentro das políticas que vostede propón impulsar estatal hai un retoque das pensións para desindexalas do IPC”, recuperando a decisión de Rajoy que supuxo a perda de capacidade adquisitiva dos pensionistas.
Feijóo non respondeu nada sobre este asunto, así como deixou sen responder a pregunta do portavoz socialista, quen lle reclamou que anunciara se apoiarán no Congreso a convalidación do decreto de medidas económicas do goberno que suporán “unha redución do custe da electricidade ou dos combustibles”. Ao remate das preguntas, Álvarez achegouse ao escano do presidente da Xunta a saudar a Feijóo logo de que este anunciara que sería a derradeira sesión de control.