Chama ao Executivo galego a cumprir cun compromiso adquirido hai dez anos pola Consellería de Educación co Concello de Oroso
A deputada socialista Noa Díaz vén de urxir á Xunta a realización das obras de eficiencia enerxética e mellora de espazos “comprometidos hai dez anos” co Concello de Oroso no CEIP Plurilingüe de Sigüeiro. Fíxoo, hoxe, logo de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia sobre esta cuestión.
“As graves deficiencias que presenta a escola dende hai anos hoxe son xa insostibles”, alertou a dirixente socialista, tras lamentar que, “malia esta circunstancia e sendo coñecedora do estado do centro, a Xunta non levou a cabo ningunha obra de mellora no mesmo”.
A Consellaría de Educación e o Concello chegaran a un acordo de colaboración “hai unha década”, incidiu Díaz, para intervir no centro, de maneira que “a administración local se comprometía a arranxar a carpintería exterior mentres que a autonómica se encargaría da cuberta, a instalación eléctrica e os baños”.
“O concello cumpriu, e cos seus escasos medios orzamentarios foi arranxando as fiestras para ir combatendo a humidade que hai no interior das instalacións, pero a Xunta de Galicia non realizou ningunha das intervencións comprometidas”, denunciou a socialista.
Segundo o acordo asinado hai décadas entre o goberno galego e a Fegamp, apuntou Díaz, os concellos deben encargarse das obras de mantemento, conservación e reparación, quedando para a Consellaría as obras de maior calado como as mencionadas.
Fronte a isto, lamentou, “o resultado é que a comunidade educativa do CEIP Plurilingüe de Sigüeiro leva anos soportando unhas condicións en absoluto dignas para un centro educativo público”, cuestión que foi denunciada de forma reiterada polo goberno socialista de Oroso que reclama unha solución urxente.
Tendo en conta que a Xunta ten en marcha o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica 2021-2024, para realizar obras de ampliación, mellora e eficiencia enerxética en edificios cun orzamento de 191 millóns de euros, “é de xustiza que inclúan ao colexio de Sigüeiro entre o listado de centros deste plan”, concluíu.