Evidencia que Galicia é a penúltima comunidade española en porcentaxe de vivenda protexida en relación a vivenda construída e cualifica de “intolerables, inaceptables e preocupantes” datos de execución orzamentaria da Xunta nesta materia
O deputado socialista Pablo Arangüena alertou hoxe de que Galicia está á cola en materia de vivenda en España por mor do “auténtico fracaso e o bluff” das políticas desenvolvidas pola Xunta nos 13 anos de goberno Feijoo. Así o expresou na Comisión 2ª do Parlamento, onde tamén evidenciou que “hai un problema moi serio en relación as execucións orzamentarias en materia de vivenda que se vén repetindo ano tras ano”.
Como mostra desa situación, Pablo Arangüena puxo de relevo dous datos moi significativos. Un deles é que Galicia é a penúltima comunidade autónoma no que se refire a porcentaxe de vivenda protexida en relación a vivenda construída. No período entre 2011-2019 foi dun 9,7%, “a anos luz de, por exemplo, Navarra (co 52,8%) ou Madrid (co 47%) e tan so por detrás das Illas Baleares. “Isto resume perfectamente a súa inexistente política de vivenda”, remarcou.
Por outra banda, fixo finacapé en que os orzamentos da Xunta de Feijoo seguen “moi por debaixo dos anos 2008 e 2009 en orzamento na Consellería e, máis en concreto, nos programas de acceso á vivenda”. Subliñou que, fronte aos 108 millóns de euros da última lexislatura do bipartito, hai 40 millóns para 2022. “Pero ademais do raquítico dos números”, Arangüena insistiu en que “o máis lamentable e o nivel de execución orzamentaria nesta materia, porque non é o mesmo executar o 80% de 108 millóns que o 80% de 40”.
Na súa intervención, Pablo Arangüena explicou que “falemos de rehabilitación ou de programas de acceso á vivenda, a cantidade de cartos que se deixan sen uso ao longos destes últimos exercicios é excesiva, e vostedes deberían dar explicacións ao respecto pero non as dan”. Criticou que a “falta absoluta de transparencia e esa inaceptable baixa execución” sexa “unha constante nesta última década”.
“Isto, unido á falta total dunha política real de vivenda pública, implica un escenario moi negativo e amosa que a política de vivenda nesta etapa de goberno Feijóo foi e é un auténtico fracaso e un bluff”, afirmou.
Nesta liña, Pablo Arangüena chamou a atención sobre varias eivas, como a falla de impulso da parque público de vivendas en aluguer ou que non haxa coordinación entre o Rexistro de demandantes de vivenda e as políticas públicas de vivenda, tal como esixe a propia Lei de Vivenda de Galicia.
Tamén puxo de manifesto a carencia de políticas que aposten pola calidade habitacional e, especialmente, a ausencia de programas orientados a corrixir os problemas habitacionais das persoas con rendas mais baixas ou con necesidades de integración. Trátase, segundo a Red galega contra a pobreza, do principal problema de exclusión social en Galicia.
Pablo Arangüena lembrou ademais que ese mesmo organismo recoñecía nun informe do pasado mes de outubro que os esforzos feitos pola Consellería de Política Social para afrontar os efectos da pandemia “carecen de relevancia se non se aumenta de xeito decidido e urxente o orzamento da Xunta de Galicia para garantir o dereito a unha vivenda digna, axeitable e accesible”. “É imposible”, remarca, “unha reactivación económica e social se non se multiplica o investimento en materia de vivenda digna e asequible”.
Neste contexto, Pablo Arangüena cualificou de “intolerables e preocupantes os datos de execución en materia de vivenda”, que ademais se van agravando “por máis que se denuncien”. Como mostra desta afirmación lembrou que no período 2010-2020 a Xunta de Galicia deixou sen executar 400 millóns de euros en políticas de vivenda.
Engadiu que, no que se refire á execución orzamentaria do ano 2020, foi tan so do 56,5% e, polo tanto, quedaron 52 millóns sen executar. Lamentou que a situación empeore no 2021 porque, nun contexto de crise e malia as denuncias arredor deste desleixo, os datos a mes de decembro evidencian que tan só deron uso ao 32,9% do orzamento dispoñible para acceso á vivenda. En consecuencia, “deixaron sen executar case un 70% dos fondos teoricamente dispoñibles”.
“E fronte a esta situación tan negativa”, reprochou, “atopámonos cun goberno inerte, sen capacidade de acción, sen iniciativa nin o máis mínimo interese, agás o da propaganda”.
Neste escenario, Pablo Arangüena evidenciou que “unha das principais actividades da Xunta consista en anunciar grandes plans e propagalos con moito artificio mediático e cun triunfalismo absolutamente alleo á realidade das carencias en materia de vivenda dunha comunidade que está á cola do Estado en políticas de vivenda pública”.
A maiores, incidiu en que, cando toca render contas neste Parlamento, “pasamos do anuncio a bombo e prato á bomba de fume”. Lamentou que “a Xunta chega tarde, mal e arrastro” a render contas dun Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda, que finalizaba en 2020 e “para o que nos veñen contar os resultados en abril de 2022”.