O portavoz do Grupo Socialista pon de relevo “a capacidade e iniciativa para gobernar” do PSdeG fronte a unha Xunta “desaparecida” polas tensións territoriais do PP
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, reclamoulle hoxe a Alberto Núñez Feijoo que acelere o relevo á fronte da Xunta ante a súa “desaparición” na crise máis grave dos últimos anos. “Urxe absolutamente”, dixo, porque “non podemos ter un goberno paralizado como consecuencia dos problemas internos dun partido político”. “Estamos na peor situación dende que temos Estatuto de autonomía e tamén na peor das situacións dentro da Xunta”, proclamou.
Ao mesmo tempo, Luis Álvarez incidiu en que “a realidade que nos deixa Feijoo é máis débeda e menos servizos públicos”. Por iso, subliñou, “non só é prioritario que se active a sucesión á fronte da Xunta, senón que se conte coa opinión do PSdeG, porque é un partido de goberno capaz de propoñer solucións para sacar a Galicia desta situación despois dos 13 anos dos gobernos do moi eficiente –ironizou- Alberto Núñez Feijoo”.
Nesta liña, Luis Álvarez incidiu en que “Galicia non pode seguir agardando a que se solucione a parálise que ten goberno galego por culpa dun PP que está máis ocupado nas súas intrigas palaciegas ou de salón que preocupado por publicar medidas no DOG para dar resposta ás crecentes e acuciantes necesidades da cidadanía”. Engadiu, así mesmo, que tampouco pode ser “o taboleiro do xogo de tronos do PP, máis centrado en repartir cargos e pelexar por cotas de poder que por tomar medidas eficaces e efectivas ante a crise máis grave dos últimos anos”.
Neste contexto, o voceiro do Grupo socialista lembrou que levamos semanas asistindo a “un xogo de estratexias que evidencia o que o PP se afanaba en ocultar: que non hai tal partido unido e que o que existe é un hiperliderado construído en torno á figura de Núñez Feijoo”. “E como tal”, alertou, “amosa as súas debilidades ante a desaparición dun líder que ten dúas mensaxes antagónicas”. Por unha banda, “di unha cousa en Galicia e outra no resto de España”, e por outra, “estréase bendicindo o primeiro goberno na España democrática coa estrema dereita co rexeitamento do Partido Popular europeo”.
En paralelo, Álvarez chamou a atención sobre o feito de que “os escenarios que manexaban dunha transición tranquila e predicible hai tan so dúas semanas que xa non existen e, mentres tanto non hai estabilidade no goberno galego porque non hai tranquilidade”. Así, apuntou que “a única certeza que teñen os conselleiros e conselleiras é que van cesar, pero non a teñen de se van continuar”, algo que, loxicamente, “inflúe na acción do goberno”.
Ao fío disto, indicou que Feijoo “vainos deixando pinceladas da súa estratexia a base de titulares de prensa”. Neste senso, preguntouse a quen se refire cando di que “supón” que se manterá o núcleo duro da Xunta. Neste contexto, Luis Álvarez subliñou que “as tensións territoriais e o modelo de baronías provinciais, que dicían que non existía, amósanse cada día con máis claridade”. Por iso, “debe acelerarase o relevo na Xunta de Galicia”.
Por outra banda, “fronte a unha Xunta desaparecida”, Luis Álvarez puxo de relevo a un PSdeG que “está demostrando a súa capacidade e iniciativa para gobernar”. Exemplificou este modelo nas propostas concretas realizadas nas últimas semanas, como o plan de acción con medidas urxentes para favorecer aos sectores máis prexudicados pola crise derivada da guerra de Ucraína, e que foi rexeitado polo Partido Popular no último pleno do Parlamento. “Non propoñen solucións pero, ao mesmo tempo rexeitan as que propoñen outros”, lamentou.
Tamén reivindicou as propostas de lei para limitar a un máximo de dous días a agarda en atención primaria, que tamén foi vetada polo PP na Cámara autonómica, ou, esta mesma fin de semana, o impulso a unha nova lei para regular o xogo e as casas de apostas ante a ausencia e a conivencia da Xunta co sector.
“Somos un partido de goberno, un grupo que quere achegar, que quere colaborar e que sabe como facelo” defendeu Luis Álvarez. Reivindicou o traballo que se fai que cada día “con acerto” dende os goberno municipais socialistas en Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago ou Ferrol. “E así”, engadiu, “ata 111 concellos que gobernan a máis do 60 por cento da poboación galega”.
Con todo, lamentou que Feijoo “non queira sacar un momento para recibir ao secretario xeral do principal partido da oposición en Galicia”. E iso, malia á “realidade que nos deixa e que se resume en máis débeda e menos servizos públicos”.
Como evidencia desta afirmación, lembrou que dende o 2009, a débeda pasou do 8,6 por cento do PIB ao 18,2 por cento, “un 238 por cento de aumento”. Lamentou tamén que a Comunidade ten 100.000 persoas menos nestes trece anos de goberno, 1.000 profesionais menos traballando na sanidade pública ou 1.334 profesores menos nos centros públicos que cando Feijoo chegou ao goberno.
Por iso, considerou que “activar a sucesión debería ser a prioridade do PP que ten a obriga de sacar a Galicia da situación na que se atopa”. “Todo o demais”, concluíu, “é un problema de xestión e liderado do Partido Popular”.